Castelao na brétema
Quedan tres meses para finalizar o ano dedicado a Castelao. Permítanme dicirlles que non vexo máis que unha calixe que impide albiscalo, alén do mito que acaba por afogar á verdadeira figura histórica, e as súas achegas á Galicia actual e ao actual marco político cultural.
Todas as persoas e todos os partidos teñen dereito a reinterpretar, por riba de todo, a súa visión de país. Pero, creo que debe darse desde o respecto aos textos orixinais. Por iso, sempre lles recoméndo ler tanto a súa obra cultural como os seus ensaios políticos. Sabendo, ademais, que as palabras teñen matices segundo cada época.
Precisamente, así podemos ver no “Sempre en Galiza” a un Castelao galeguista e federalista, con claras influencias de Pi i Margall e Proudhon. Un Castelao con claras referencias a Jean Jaurès e a Quintanilla. Que considera que a base da República eran o Partido Socialista xunto co goberno de Cataluña. Un Castelao que quere unir a península e considera Galicia o gran porto intercontinental entre América e Europa. Un Castelao que aposta por un proxecto europeísta. E, fundamentalmente, un socialdemócrata. Así, este 2025 de Castelao é tamén unha oportunidade para a actual socialdemocracia galega.
