Letras Galegas | Corpus Tizón
“Autor merecente de que leamos devagar, amodiño, procurando as claves da súa existencia nun ámbito familiar”, por Vicente Araguas

A non moita distancia da reseña que enderezara ao libro de poemas (e cancións) de Antonio Tizón, ‘Coplas analfabetas’, reincido agora cunha novela do mesmo autor, nado en Aranga, en 1960, e licenciado en Ciencias da Información. E falo dun “Corpus Tizón” nun senso duplo. Porque a obra deste autor, tan chamativo, tan pouco clasificable (e, xa que logo, mal clasificado nunha literatura, a nosa, que non se detén nos “outsiders”), posúe moito de artefacto unitario.
Tamén porque Tizón non ten reparo en enguedellar nela o seu material de elemento vivo, e ben vivo, inserindo sen complexo ningún as súas propias vivencias e aínda doenzas, físicas e mentais. Así que, aviso aos navegantes, quen lea a este home vai atopar un mundo “raro”, mais –sobre todo– porque entra moi directo, aínda que ben provisto de argumentos e artificios literarios, na esfera da loucura; esa cousa que, por incomprensible, deixa fóra do xogo aos “sans”.
De maneira que digo que Madriña (Editorial Elvira, Vigo, 2025), aparentando ser novela policíaca, e o certo é que nela hai dous crimes, no ámbito coruñés, e un policía xubilado e súa filla, tamén vai alén da convención dedutiva. Porque a cousa é que nesta mistura de ficción e realidades, neste carrusel ou tiovivo de mentes revoltas e aínda reviradas, hai ríos diversos nos que fluír ou nadar ou navegar amodiño, deixándose levar polo estilo caudaloso de Antonio Tizón, un home que se camufla nun outro nome para entrar el tamén na historia cun xeito que, sen dúbida, ten moito que ver coa autoficción, mais tamén coa confesionalidade. Logo, á parte, atopamos igualmente neste libro poesía a cachón. De novo dun xeito dobre: a procedente do libro das ‘Coplas analfabetas’, estupenda escolma de poéticas populares, vidas do estro da avoa de Tizón, mais tamén das andainas do autor neste territorio “salvaxe”, digamos, sementado por Karlotti&Ferrández, que se desenguedella en Ferrol, precisamente.
Por máis que desta volta sexa Madrid onde atopemos as celebracións poéticas de Tizón (ou asimilado, que iso vén sendo o de menos.) Por exemplo, na Calle Regueros, onde os da “manga riega que aquí no llega/ y si llegara no me mojara” gardaban os seus trebellos e eu acodía ao lar da revista “Leer” nun dos tempos da súa azarosa existencia, e disculpade a cita propia, ocorre a que a confesionalidade ten un aquel de contaxiosa. Quero dicir que as mortes violentas de Ramiro Gallego Tenreiro e de “O Globero” non deixan de ser pretexto ou alibi para que todo vaia saíndo do entobo onde nos vai metendo Antonio Tizón, un autor merecente de que o leamos devagar, amodiño, procurando as claves da súa existencia nun ámbito familiar que aquí chouta, dunha maneira ou outra. As madriñas, xa se sabe, eran entre nós as avoas. Cousa metonímica pero moito máis. Si.







