Jaime Pena, director da Filmoteca de Galicia: “O cine galego está no seu mellor momento”
“De todo o cine feito antes de 1940 pode conservarse arredor dun 15% ou 20%; o resto non temos practicamente ningunha posibilidade de recuperalo”, afirma

Jaime Pena –Miño, 1965– coñece á perfección a Filmoteca de Galicia, da que é director desde finais de 2024, unha responsabilidade que asume con naturalidade despois de máis de tres décadas traballando alí, na Casa da Cultura Salvador de Madariaga. A institución cumpriu o pasado sábado 14 de marzo 35 anos de vida, unha traxectoria na que o mundo do cinema ten experimentado transformacións profundas e o audiovisual “made in Galicia”, alcanzado cotas inimaxinables hai uns anos.
Nun traballo coma este, que peso ten a vocación?
Eu viña de estudar na universidade Historia da Arte, especializándome en cine, polo tanto era algo que me gustaba moitísimo. Tamén traballo noutras facetas, como crítico de cine e historiador, co cal é algo que si, é moi vocacional.
A xente á que lle gusta o cine é normalmente moi entendida e apaixoada. O feito de estar en contacto directo con material ao que a maior parte da poboación non ten acceso engádelle un plus ao seu día a día?
E non só iso, pois estás en contacto con directores, xente do mundo do cinema que traballa en festivais, polo que evidentemente ten pouco que ver co que coñece a maior parte da xente. Cando levas moito tempo nunha institución coma esta, toda esa parte do cine é moi accesible. Hai que ter en conta que cando comezou a Filmoteca no ano 1991 a industria galega era pequeniña: facía algunha curta cada ano ou unha longametraxe cada certo tempo, cada dous ou tres anos, por exemplo. Claro, agora mesmo hai máis de vinte longas ao ano e moitísimas curtas... Eu fun asistindo a un proceso de crecemento da man de moitísima xente á que ves medrar neste eido: uns están brevemente neste mundo, outros pasan moi rápido, outros permanecen... Onte mesmo [o martes, a véspera da entrevista] estabamos presentando unha película, ‘Antes de nós’, con guión de Pepe Coira, que foi o primeiro director do que era o Centro Galego de Artes da Imaxe –CGAI–. Polo tanto, tratas con moita xente, vas vendo rapaces e rapazas que van construíndo unha traxectoria de maneira máis ou menos profesional e a verdade é que pode ter certa mística esa posibilidade de coñecer de primeira man tantas cousas. É un privilexio.
A Filmoteca cumpre hoxe tres décadas e media de existencia. Cales son as contribucións máis importantes para a cultura galega, os obxectivos cumpridos?
A principal é consolidar un proxecto de arquivo e recuperación da memoria audiovisual galega, é dicir, algo que non existía antes de 1991 e que se foi construíndo pouco a pouco. Recuperáronse moitas cousas nos primeiros momentos, pero a partir de entón hai como un goteo e van chegando tamén un feixe de producións que se fan agora e que se foron depositando –o ano pasado, máis de vinte–, ao tempo que se van recuperando materiais, sobre todo dun ámbito máis doméstico, aos que hai trinta anos ao mellor non se lles prestaba tanta atención porque non eran as prioritarias, pero agora si que o son. Tamén estamos inmersos nun proxecto de dixitalización de moitos materiais do arquivo, pero sobre todo da propia sala na que se levan proxectando ininterrompidamente películas desde 1991. Ultimamente estamos a facer 320 sesións ao ano, o que permitiu consolidar un espazo para coñecer un tipo de cine que, se non existise, non chegaría nin á Coruña nin a Galicia. Todo isto contribúe tamén a conformar un lugar de cinefilia e de coñecemento do cine que hai tres ou catro décadas só estaba ao alcance das grandes cidades ou das metrópoles.
Fala sobre a recuperación de materiais. Hai algunha produción importante da que se coñeza a súa existencia e que teñan a esperanza de poder rescatar ou localizar nalgún momento?
Hai varias películas dalgún xeito míticas, pero o que pasa é que de todo o cine anterior ao ano 1940 consérvase arredor dun 15 ou un 20%. Perdéronse moitas cousas que non temos practicamente ningunha posibilidade de recuperar. En primeiro lugar, as películas de José Sellier, que era o pioneiro do cine español e que no ano 1897 filmou aquí as primeiras películas de produción española que se rodaron na Coruña. Esas son pezas que seguramente nunca se van recuperar. Hai unha película nos anos 30, ‘Mariñeiros’, do fotógrafo José Suárez, da que non se sabe o que pasou durante a Guerra Civil: perdeuse e aínda por riba non hai moitas referencias. Da década dos 70 sabemos que hai unha curta, ‘A tola’, de Miguel Gato, que só se proxectou unha vez en 1975 e inmediatamente despois foi confiscada pola Policía e desapareceu por completo. Non sabemos que foi dela. Algunhas, como esta ‘A tola’, poderían aparecer; as anteriores aos anos 50 son case todas feitas nun material, nitrato de celulosa, que é altamente inflamable, co cal era moi doado que se perdesen e, ademais, normalmente despois da súa explotación comercial se destruían porque era un risco moi grande telas na casa.
Ese cine foise perdendo, sobre todo porque non había consciencia de que era algo que ía durar ou que ía ter importancia ao cabo dos anos: unha película explotábase comercialmente se era un éxito. Entón había moitas copias que circulaban e era tamén unha oportunidade de que algunha delas sobrevivise, pero se era un fracaso tirábase ao lixo. As primeiras filmotecas son de principios dos anos 30 e nacen porque se está a pasar do cinema mudo ao sonoro e hai consciencia de que ese mundo se vai perder. Ás veces pregúntanche: pero esa película non se pode buscar? E eu digo: onde? Hai moitas filmotecas que teñen milleiros de latas sen clasificar e pode que algún día apareza algo diso. Estamos falando de que no cine mudo, é dicir, todo o anterior aos anos 1930, arredor do 85 ou 90% da produción desapareceu e non se conserva, polo que ás veces é como buscar unha agulla nun pallar. No que respecta a cousas máis recentes como é o caso de ‘A tola’? Se cadra algún día apareza algo nun almacén da Policía...
Nestas tres décadas e media cambiou a consciencia sobre necesidade de conservar o material cinematográfico, pero tamén mudou a forma de desfrutar do cine e mesmo a experiencia de ir ás salas de exhibición...
O cine foi cambiando desde a chegada da televisión ás casas a partir da década dos 50 e tivo que ir adaptándose ás novas circunstancias, a novas formas de ocio, novos competidores que proxectan os mesmos materiais –televisión, vídeo doméstico, agora as plataformas–. No ano 70 había 400 millóns de espectadores; en 2019 había 100. Agora debemos estar nos 70 millóns. Desde a pandemia déronse varias crises máis: a xente afecciounouse ás plataformas, houbo folgas en Estados Unidos (de guionistas, de actores) que provocaron moitos retrasos en producións e tamén hai un certo esgotamento dun modelo que triunfou na década pasada, que foi o do cine dos superheroes, pois non están acadando o éxito que tiña hai dez anos. Nestes comezo de 2026 estase volvendo ás cifras de 2019 e a esperanza é alcanzar outra vez os 100 millóns, pero non falamos de recuperar algún día os 400 millóns da España de 1970 porque aquilo era outro modelo, o do cine como primeira actividade de ocio. Se nos mantemos nas cifras prepandemia, serían moi bos números, e seguramente poderán acadarse ou estar moi preto. Agora ben, tamén hai que ter en conta que é moi difícil predicir o que pode pasar: todo depende da produción que haxa, do cinema americano de grandes títulos, que é un pouco o que sostén o modelo de exhibición de hoxe en día, e coido que pode chegar un momento en que plataformas e salas físicas poidan convivir máis ou menos ben.
Cal é o estado de saúde do cinema galego actual?
O ano pasado foi o mellor da historia do cinema galego. Houbo moitísimas producións, con éxitos como o de ‘Sirat’, que foi totalmente inesperado, e tamén moitas rodaxes importantes, aínda que non sexan todas películas galegas, pero que si se rodaron aquí e contaron con técnicos galegos, como ‘Romería’ ou ‘Rondallas’. Houbo películas galegas en practicamente todos os festivais internacionais do ano. Por exemplo, no festival de Nova York, que é moi selecto, as tres películas españolas que se seleccionaron eran de participación galega: ‘Sirat’, ‘Romería’ e ‘Onte á noite conquistei Tebas’, que foi rodada en Ourense, falada en galego... Estanse facendo cousas aquí que antes non se facían, que están á vangarda do cine español do momento. Estamos a exportar talento galego, cun feixe de directores dando o salto cara a un nivel de produción realmente moi importante. Hai tres anos, a Concha de Oro do festival de San Sebastián foi para unha película galega. Estanse a acadar éxitos que eran imposibles de imaxinar xa non digo hai trinta anos, senón hai catro ou cinco.
Para vostede é unha sorpresa ou sabía que, antes o despois, esta eclosión ía ter lugar?
Nunca pensas neses termos. Vas vendo a produción que se fai, vas coñecendo en moitos casos proxectos con anterioridade, pero pensar onde poden chegar... Cando lin o proxecto de ‘Sirat’, que daquela se chamaba doutra maneira, nunha comisión de subvencións de Agadic dixen que ía ir á sección oficial de Cannes, porque xa antes Oliver Laxe fixera outras películas que estiveran no festival e, polo tanto, era imaxinable que así fose. Sabía que sería unha das películas que se ían discutir para gañar en Cannes. Pero depende do ano: ás veces hai películas que son igual de boas, pero que polas circunstancias do momento quedan fóra ou non teñen esa visibilidade. ‘Sirat’ e ‘Romería’ tiñan papeletas para triunfar, aínda que xa digo que todo depende de moitas cousas: as propias producións, o talento e tamén un chisco de sorte.








