Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Nordesía

Termar do Leme | Literatura galega ignorada: Ferrol insufla letras

Henrique Dacosta: "Resulta gratificante ver como o período do galego medio vai achegando a cada pouco un maior número de textos literarios"

nordesia
0620_wayalia_redideal_251121_carlos
0620_bonilla_redideal_251121_veronica
0620_liceo_redideal_251121_tamara

O que vou contar a continuación non é novidade ningunha, pois van alá catorce anos desde que saíron á luz dúas primicias. Explícome. Refírome á publicación de “O Romance da urca de Santo Antón (1777)”, no primeiro dos casos, e, no segundo, de “En cadea sen prijon”, contida no xa coñecido como “Cancioneiro de Afonso Paez”, escrito en Ferrol no século XV. 

Dúas obras de suma relevancia que se deron ao prelo no intervalo dun ano. Insólito, mais transcendental, polo que entraña no plano simbólico e pola contribución que isto supón para a solidez do noso canon literario. Penso que é unha necesidade lóxica, cando estudamos a historia da literatura, que nos deamos a colocar etiquetas co fin de nos organizar: épocas diversas, xeracións e grupos, escolas, tendencias, etc. Axudámonos así a comprender mellor os feitos literarios e a estabelecer diferentes tipos de ligazóns que faciliten a nosa aprendizaxe. 

Alén diso, e ao falarmos de literatura galega, non é unha cuestión menor que teñamos que incidir sobre o desenvolvemento fóra do normal que esta sufriu en certos períodos históricos. Por exemplo, resulta clarificador se pensamos nos Séculos Escuros, desde o séc. XVI ao XVIII. O esplendor medieval vai declinando até se producir un acusado enmudecemento das nosas letras, que só a partir do séc. XIX iniciará a súa rexeneración. 

O século XVIII, non obstante, será caso especial, habitualmente estudado como unha fase diferente dentro destes séculos de declive. Falamos da Ilustración, do Racionalismo, e de persoas cultivadas que achan necesario a recuperación da nosa lingua e de reafirmar a nosa cultura. Xorden figuras relevantes que, desde o nada, irán asentando os alicerces da nosa identidade: Frei Martiño Sarmiento, o Cura de Fruíme, o Padre Sobreira, Francisca de Isla y Losada, etc. 

Neste ambiente, pois, nace “O Romance da urca de Santo Antón”. De autoría anónima, é un poema en galego con partes en castelán, escrito en 1777, cuxo asunto central recolle as viaxes comerciais entre Europa e América. Son 668 versos que ven a luz en 2012, e inclúe a edición crítica e un estudo histórico-lingüístico. Non destacan pola súa valía literaria, aínda que ofrece unha valiosísima información de carácter histórico e lingüístico do momento. 

A composición relata, por un lado, a accidentada travesía da urca de Santo Antón entre A Habana e Ferrol na primavera de 1777, viaxe en que os tripulantes sofren as inclemencias dun forte temporal. A salvo en terra firme, celebrarase unha función relixiosa votiva na igrexa de San Xulián para darlle grazas á Virxe pola súa intercesión, após o perigoso itinerario. Mais á parte de relatar este suceso histórico, o romance acaba sendo unha composición satírica. 

Retrátase cun ton informal a sociedade ferrolá da época: tanto o día a día da xente común como os costumes e vicios da xerarquía político-administrativa e eclesiástica. Critícase, de xeito hilarante ás veces, a conduta pusilánime, vaidosa, mesquiña ou fatua de certos representantes do estamento eclesiástico, como no caso do capelán do navío, Xosé Franco, ou do predicador Ánxel Suárez, a quen se lle encarga dita celebración votiva. 

Con relación á natureza xenérica do texto, os editores considérano como unha mostra de correspondencia en verso de carácter privado, de circulación restrinxida, de forma que non estaría destinada a ser pública. Esta modalidade creativa está presente, no entanto, noutras mostras coetáneas en galego como no romance de María Francisca de Isla y Losada ao cura de Fruíme (1774-1777), na carta do cura de Esmelle (1827) ou no poema de Xoán Manuel Pintos en que lle comunica ao seu pai o nacemento do seu fillo (1842). Así mesmo, resultan moi pertinentes os “Papés d’emprenta condenada. A escrita galega entre 1797 e 1846”, de consulta aberta na Web do Consello da Cultura Galega. 

Este período coincide co que se designa habitualmente como Prerrexurdimento. Os textos susceptíbeis de consulta, até o de agora esquecidos e ignorados, gozan de grande interese. A citada “Carta do cura de San Xoán de Esmelle (1827)” son unhas rimas satíricas que empregan o recurso da equivocación ou xogo de palabras, elemento motriz da composición. Parece que o texto está escrito a dúas mans: unha, a do propio cura da parroquia, Xosé M.ª Fonte Montenegro, e outra, a dun cura amigo del, descoñécese o nome, pero é quen fai a Contestación. 

Cóntalle don Xosé María ao seu colega como foxe da reitoral no momento en que ve chegar a comitiva dun tal Pico para a festa do patrón, animosos eles por se aproveitaren da hospitalidade do crego. Mais este esconderase na igrexa e, unha vez o van alí buscar, conseguirá fuxir de novo. Na Contestación á carta fica claro que a comitiva será burlada, acabando por ir á taberna e pagando por comer, alén de ser felicitado polo seu amigo, tanto polo seu bo facer, ao darse escondido, como polo da criada, eludindo arteiramente a porfía dos autoconvidados. 

Doutra parte, gran ledicia supuxo a descuberta de ‘En cadea sen prijon’, “Cancioneiro de Afonso Paez”, escrito en Ferrol no século XV. Foi dado ao prelo en 2013 grazas ao estudo e edición de Henrique Monteagudo. Descuberto de xeito fortuíto tras a revisión dun rico fondo documental conservado por unha familia durante máis de cinco séculos, está formado por vinte e tres poemas que xorden no medio deste mazo de papeis notariais. 

Faise patente, pois, unha necesaria revisión da literatura desta época, máis vizosa do que se supuña. A chamada escola galego-castelá, a partir de 1435, cuxos poemas en galego alcanzan unhas 80 composicións, responden a unha lingua moi deturpada, case todas escritas polo castelán Alfonso Álvarez de Villasandino e o andaluz Garci Fernández de Gerena. Só recolle dous poetas galegos, Macías e o Arcediago de Toro, os cales achegan dez textos, aínda que moi erosionados na lingua. Contrariamente, sorprende a pouca contaminación castelá que existe neste “Cancioneiro de Afonso Paez”. 

No plano literario, a maior parte das composicións son cantigas amorosas, xa afastadas dos modelos de cantigas de amor galego-portuguesas, ao responderen máis ao xénero dos “dizeres”, poemas recitativos, carentes de música. Existe ademais unha composición de natureza relixiosa, extraordinariamente longa, que nada ten que ver coa tipoloxía das Cantigas de Santa María de Afonso X. As de Afonso Paez responden a unha sorte de poemas de arrepentimento ou confesión perante a inminente chegada da morte, e son dunha grande emotividade. 

En definitiva, resulta gratificante ver como o período do galego medio vai achegando a cada pouco un maior número de textos literarios, mais sinto especial orgullo pola incorporación do último testemuño da nosa lírica medieval, de autoría ferrolá ademais. Dito o cal, reitérome no xa escrito moitos anos atrás: o de que o proceso creativo en Ferrol transcorre análogo ao que se desenvolve en tantos outros lugares do noso territorio. 

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina