Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Nordesía

Letras Atlánticas | Un banquete lector

Armando Requeixo: "A nova proposta de Portas, publicada por Galaxia, participa tanto da novela social coma da metanarrativa"

nordesia
0620_wayalia_redideal_251121_carlos
0620_bonilla_redideal_251121_veronica
0620_liceo_redideal_251121_tamara

Os últimos anos teñen sido pródigos na traxectoria do santiagués Manuel Portas. Tras uns inicios máis centrados no ámbito da sociolingüística e da docencia e logo dun longo interludio político, dende hai tres lustros para acó desenvolveu unha feraz andaina narrativa. Nese tempo veu a luz case unha decena de títulos seus que mereceron o aplauso da crítica, o recoñecemento dos xurados e o favor do público: Denso recendo a salgado (2010), Un dedo manchado de tinta (2011), Faneca brava (2013), Amor en alpargatas (2015), Lourenço, xograr (2015), Por puntos (2019), Cadencias (2020), Unha cervexa Chang (2022) e a obra sobre a que agora quero determe, Mazarelos (2026). 

A nova proposta de Portas, publicada por Galaxia, participa tanto da novela social coma da metanarrativa, mais coido que é no xénero da novela histórica onde se desenvolve con maior larganza. A historia que nos propón transcorre en dous tempos: o presente do 2026, protagonizado por Helena, unha profesora de Ensino Medio xubilada que decide novelar un episodio recuado no tempo que ten que ver co histórico Instituto de Santiago de Compostela, e o relato que está a escribir sobre eses feitos, basicamente nucleados arredor da preparación e celebración do Banquete de Conxo en 1856. 

Ese xogo da escritora que idea unha novela que por súa vez é a historia que lemos técese cunha estratexia de recursividade metaliteraria abondo coñecida, mais que neste caso confire grande eficiencia á narración por canto lle serve a Portas para confrontar pasado e presente e, co filtro que o andar do tempo proporciona, evidenciar as tensións sociais e a importancia simbólica dos sucesos evocados. 

En efecto, unha das cousas que mellor transparenta “Mazarelos” é o ambiente de crise epocal que se viviu a partir da segunda metade do século XIX ata ben entrado o século XX, cunha sociedade que comezaba a mudar a marchas forzadas, abandonando as vellas estruturas do Antigo Réxime e a estratificación social herdada tras a caída da sociedade feudal para dar paso a comunidades algo máis horizontalizadas, onde os colectivos dos traballadores, a elite con alta formación e a burguesía con posibles van conseguir, aos poucos, minorar o poder da vella caste nobre e da aristocracia relixiosa. 

Neste sentido, o choque de mundos que se produce en “Mazarelos” lémbrame o que Carlos Casares debuxou en Ilustrísima. Tanto nun caso coma no outro son realidades converxentes a chegada de novos xeitos de concibir as relacións sociais e as dinámicas de clase, tamén a adopción de novas ideas e as modernas plasmacións creativas e artísticas alén de, xaora, unha visión renovada do mundo e das xentes. 

Doutra parte, a narración de Portas salienta tamén polo papel protagónico que concede á propia Santiago de Compostela. As súas rúas e prazas, mais tamén os seus edificios máis senlleiros, constitúen un dos catalizadores da acción e do sentido último do relato. O fino perfilado dos personaxes (ese Amarante director de instituto, furibundo retrógrado; esa Candeloria moza fascinante, rodeada de homes axexantes), a viveza e autenticidade dos diálogos, así como a esmaltada descrición de atmosferas e espazos son outros tantos acertos deste “Mazarelos”, un relato estruturado en capítulos breves que avanza con extraordinaria axilidade e que nos vai arrastrando, imparable, na intriga que se tece arredor da controvertida xuntanza de artesáns e estudantes en Conxo. 

“Mazarelos” é un dos mellores títulos de Manuel Portas. Unha obra que convence pola solidez na composición, a imaxinación das solucións narrativas e a suxestiva recreación histórico-fictiva á que convida, Unha novela para darse todo un banquete lector.

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina