Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Nordesía

The Teacher | Brancusi na aduana

Suso Basterrechea: "Ensinar arte é moi difícil. En primeiro lugar, hai que ser conscientes de que morreremos como alumnos dunha disciplina inabarcable"

nordesia
0620_wayalia_redideal_251121_carlos
0620_bonilla_redideal_251121_veronica
0620_liceo_redideal_251121_tamara

Nesta semana que remata acudín, cunha representación do meu alumnado, a unha feira educativa que se celebra todos os anos na cidade, co fin de axudar a que os estudantes vaian escollendo o seu camiño formativo entre o amplo catálogo que lles presenta o sistema. Cada centro escolar envía aquelas ofertas máis singulares das que dispón, e a verdade é que queda un evento moi interesante. 

Como bacharelato de Artes Plásticas que somos, non estamos sometidos á presión de manter un nivel de matriculación adecuado cada ano. Lamentablemente só existen tres na provincia, un en cada cidade, e, con lixeiras variacións cada curso, a demanda é elevada. O certo é que o pasamos ben. Debuxamos un pouco, uns retratos, repartimos información e alternamos coa mocidade. 

Algunha xente xa nos buscou, rematando a ESO, pois a súa intención é estudar o ano que vén connosco. Non eran poucas as alumnas, especialmente mulleres, que, tendo predisposición, nos preguntaban sobre as posibles saídas laborais. Así é a nosa sociedade e a este nivel de madurez, con apenas quince anos, arrástranos. 

Como eu son moi activo nas redes sociais, esa mesma tarde fixen unha defensa da vocación nunha delas. Sen perder de vista o futuro, é bo ser consciente de que a vida se constrúe día a día. E se estudamos, e logo traballamos, en algo que nos gusta, e mesmo nos apaixoa, temos gañado un amplo terreo no que sen dúbida é o obxectivo máis importante –e difícil– da vida: a procura dunha certa felicidade. 

Como queira que eu, desde moi pequeno, o tiven claro, púxenme de exemplo. Na miña familia, que mantivo un profundo e práctico respecto pola miña decisión, sempre existiu unha lóxica preocupación pola miña utilidade no mercado de traballo. Pero desde moi novo tiven a vida, neste sentido, resolta. 

Á miña nai, Lola, ultimamente dálle por interactuar comigo no devandito espazo virtual. Non me segue por discrepancias ideolóxicas. Ela é unha muller de orde e conservadora, pero ben, loxicamente querémonos moito. Sempre tivemos unha relación moi especial que consiste, basicamente, en rir un do outro, pero con amor. 

Lola, que eu non sei moi ben por que se esconde baixo o alias de Dolores, non se lle ocorreu escribir outra cousa que un rotundo: “Tiveches sorte”. Así é ela, e non lle falta unha parte de razón. Pero o certo é que aprobei unhas oposicións ben esixentes á segunda. Di que non as preparei, e é verdade, pero boa parte do temario era o amor da miña vida e coñecíao na intimidade. 

O caso é que, sen predisposición inicial, levo máis de trinta anos de profesor. Seguín exercendo mesmo cando formaba parte do equipo de goberno da cidade. Sobre se o fago ben ou mal, teño xa centos, mesmo miles, de opinións formadas. Eu só podo dicir unha cousa: cada día gústame máis. 

Ensinar arte é moi difícil. En primeiro lugar, hai que ser conscientes de que morreremos como alumnos dunha disciplina inabarcable. Farémolo, así nolo ensina a historia, seguramente frustrados por non ser capaces de expresar con claridade aquilo que queremos dicir. A pesar desta terrible realidade, non cambiaría absolutamente nada do meu desenvolvemento profesional. Poucas actividades proporcionan un estímulo tan poderoso e permanente nesta vida, xeralmente, rutineira e limitada. 

Por outra banda: que é a arte? Hai xa moito tempo que deixei a universidade, pero a única resposta razoable que se nos proporcionaba é que arte é todo o que o ser humano di que é arte. Vaia, ante semellante panorama agarrámonos a unhas disciplinas limitadas: debuxo, pintura, escultura, fotografía, etc, para afrontar unha realidade: o que tratamos de mostrar é unha vía diferente para coñecer o mundo e a existencia. 

Isto é algo marabilloso e eu só teño un precepto, unha liña vermella, que se adoita dicir agora. Non mates ningunha vocación. Non é fácil falar disto, pero en xeral podemos indicar que o asunto consiste en ir adquirindo unha serie de habilidades manuais ou artesanais para, anos despois, facer un resumo e tirar moitas delas ao cubo do lixo. Mentres isto sucede, ocorre o realmente importante, educamos a mirada. De tanto observar, interrogar, a pel das cousas, aprendemos a ver a profundidade que se esconde nesa superficie. Pode parecer un pouco transcendente, incluso pretencioso, isto que sinalo, pero podo asegurar que é así. Como me dicía un amigo: abres unha lata de espárragos e en lugar de pensar na ensalada, dedícaste a sentir a súa cor, a súa forma, a súa disposición ou a súa textura. 

Todo iso é moi bonito, pero hai uns días tiven que poñer as notas do trimestre. É dicir, tiven que comprimir a cuestión, neses números que van do un ao dez. Nestas ocasións acórdome sempre da historia de Brancusi na aduana. 

É Brancusi un dos pais da escultura moderna. Romanés, de zona rural, sendo neno era pastor, e como se dunha película se tratase, dedicábase a tallar madeiras mentres vixiaba ás ovellas. Cando creceu, ben novo, trasladouse andando, que era pobre, a París, centro da arte mundial naqueles tempos. Pasados os anos, en 1926, recibiu unha invitación para expoñer a súa obra nunha galería de Nova York. Así que se atopou na aduana coa súa obra “Paxaro no espazo”. 

Aos axentes aquilo non lles pareceu unha escultura, e, literalmente, clasificárono en “utensilio de cociña”, pagando uns impostos do 40%. Constantin, o seu nome, tomou todo o tema moi mal, así que foi a xuízo. O asunto tivo moita repercusión na época, e Brancusi finalmente gañou. O resultado obrigou á administración de EEUU a cambiar a definición de obra de arte. 

Xa ven que asunto tan complexo e restritivo e o motivo polo que me acordo desta anécdota. Sempre pensei, agora que Trump se dedica e a xogar cos aranceis como ameaza permanente, e vendo o contexto cultural no que nos movemos, que era bo tratar de facer pasar os plátanos de Canarias como obxecto de arte. Igual levamos unha sorpresa. 

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina