Letras Galegas | Quen é quen?
"A morte por fusilamento de tres militantes do FRAP e dous da ETA; sae tamén aquí, xa morrendo o libro"

Diante miña nos últimos días unha novela peculiar. Escrita por un señor de Tomiño, que se fai chamar J. Benito Fernández, biógrafo –dos máis importantes entre dos que se ocupan das vidas e milagres de autores destes ámbitos– de “malditos” como Leopoldo María Panero, Eduardo Haro Ibars ou do moi ferrolán Gonzalo Torrente Malvido. Mais tamén de escritores tan chamativos, vida e obra, como Juan Benet ou Rafael Sánchez Ferlosio ou Ángel Guinda.
J. Benito Fernández non escribe en galego, que saibamos, e para o caso que me ocupa, a súa primeira novela, Non creo en máis vida ca esta (Galaxia, 2025) vén traducida por Perfecto Conde. A tradución moi sabedora, feita por un home que non se ten prodigado na literatura galega e de quen é preciso, imperioso e urxente, como no poema aquel de João Apolínario, unhas memorias de canto leva vivido.
E de memoria vai a novela de Benito. A dun home que vai do Baixo Miño vivir a Madrid, dun lugar chamado Campio a outro coñecido como Valdecuervo (nomes ficticios, ambos). A cousa que excita e fai bulir o maxín do protagonista é a inmediata morte do seu pai, o que provoca que os recordos xermolen nun carrusel ou tiovivo que han servir para que o autor remexa neles para criar o retábulo dun tempo que lá foi, mais ao que cómpre voltar como recriación sentimental e –de paso– sociolóxica. Nun tempo que deberá interesar aos que o viviron (xente, por certo, como o propio tradutor, eu mesmo, e o autor).
Digo isto porque, separados biograficamente por tramos de cinco anos (aprox), os tres pertencemos á xeración do 68. A que acouga e abeira ao protagonista. Narrador dun tempo abondo brutal, na aldea galega, nos arrabaldos madrileños, descritos por momentos con xeitos naturalistas. Xeitos/ xestos que contrastan coas “modernidades” que non podía evitar aquel tardofranquismo de cor de asa de mosca e sabor a sopa de hospital.
Naturalmente a adscrición do home a un dos grupiños aqueles que ían facer a revolución desde unhas premisas e un colegueo exclusivistas para quen non estivesen na congregación. Que non fosen da “pirroquia”, vaia, como di a canción popular. A morte por fusilamento de tres militantes do FRAP e dous da ETA; sae tamén aquí, xa morrendo o libro. Onde está, igualmente, unha descrición dos hábitos literarios-libreiros dun home, o protagonista, de novo, quen se travela como un letraferido.
Mais eu non quero dicir que se corresponda con J. Benito Fernández, todo un carácter el mesmo, a pedir urxentemente que alguén que o utilice como personaxe. Así todo, el non é, disque, o cerne de “Non creo en máis vida ca esta”. Pola mesma razón que CJC non era un paisano extremeño a piques de que lle deran garrote vil. Por exemplo.








