
A primeira vez que tiven ocasión de visitar Cartaxena foi, mutatis mutandis, hai un cuarto de século. As miñas referencias desta cidade, departamental daquela, pasaban por ese vínculo que os ferroláns mantemos nunha maior ou menor medida con ela. Sen ir máis lonxe, á miña irmá máis vella faltoulle pouco para ter nacido alí. Meu pai, destinado como tantos outros mariños a aquela cidade, gardaba gratos recordos, compartidos por miña mai. Esta, de feito, falárame antes de eu viaxar aló da casa onde viviran. Nesa rúa achábase un famoso cinema. Un bo barrio. A nostalxia, meus amigos. De modo que, nin lento nin preguizoso, me encamiñei por ver ese lugar que miña mai recordaba e que debido aos estragos do tempo e do abandono mostraba un acusado grao de deterioración. «Não toques a lembrança branca flor de penugem que do sopro mais leve se dispersa no ar./ O cálix que contém o vinho do recordo é cristal de saudade e quebra só de olhar.»
Neste Nadal volvín a Cartaxena. Se xa hai un cuarto de século os paralelismos entre a miña cidade con aqueloutra tan só se asociaban a certa tipoloxía ambiental de natureza militar e laboral ligada ao estaleiro, hoxe as analoxías parécenme máis distantes. Non negarei que estas dúas esferas socioeconómicas non sigan sendo patentes. O que non podo eludir, postos a estabelecer comparacións, é que os elementos diferenciais na actualidade resultan máis ostensíbeis entre elas. Cartaxena é unha urbe populosa; case cuadriplica a poboación de Ferrol. Cifra de por si elocuente, tanto porque aquela posúe unha poboación moito máis nova como polo seu maior dinamismo, grazas a que goza dun tecido industrial diversificado. E se a este incentivo lle sumamos o turístico e cultural (cruceiros que recalan, o reclamo de sol e praia, a arqueoloxía, o modernismo, as fortificacións...), observamos unhas espléndidas condicións para o desenvolvemento humano, así como para emprender un proxecto de vida. Por conseguinte, a nosa cidade está no momento actual nos antípodas da súa vella irmá departamental.
Mais vaiamos ao asunto da irmandade de que falabamos no título e que, por certo, existe entre estas dúas cidades desde o ano 1973. Que sentido entraña o vocábulo irmandade? Cal é o porqué de que poidan darse este tipo de vínculos para que diversas entidades municipais queiran estreitar lazos entre si? Unha irmandade significa que haxa un marco estábel de cooperación e con vocación de ter continuidade no tempo. Falamos de apoio mutuo e colaboración, e ditas comunidades téñense que ver concernidas nela. Afóndase dese modo nas interrelacións para que exista un mellor coñecemento entre elas. O vínculo sempre se estabelece entre entidades públicas, de forma que debe corresponder á institución local coordinar todo ese heteroxéneo tecido de compromisos.
Pero reparemos na tipoloxía de irmandades existentes, de modo que poidamos chegar a certas conclusións xenéricas: por que, cando e como xorden. As xurdidas no fin da Segunda Guerra Mundial, como as habidas entre localidades francesas e alemás, fronteirizas sobre todo, serviron para tentar estabelecer vínculos de amizade que ficaran cerceados tras o conflito bélico. Tamén as xurdidas das tensións, neste caso consecuencia da Guerra Fría, ás cales se vincularon entidades poboacionais do centro e leste de Europa con outras do oeste. Ora, de diferente natureza foron as que naceron entre poboacións da propia CEE/CE, UE con posterioridade, co fin de estreitar lazos culturais, sociais, históricos... Tamén as hai que viñeron afianzar vínculos de entidades do primeiro mundo con outras do terceiro. E aínda é posíbel falarmos dun terceiro tipo de irmandade que busca unha cooperación a tres bandas coa finalidade de combinar maiores recursos e potenciar mellor a colaboración intercultural.
Velaquí as cidades irmandaas con Ferrol, por orde cronolóxica: Vila do Conde e Cartaxena, as dúas de 1973; Lugo, de 2000; Mondoñedo, de 2004; Adelaida, de 2010. O vínculo de Vila do Conde, que é o máis antigo de todos, talvez haxa que ilo buscar á relación marítima atlántica, estaleiros fundamentalmente, e a proximidade xeográfica e cultural, o cal converteu esta irmandade nunha das transfronteirizas máis vellas de toda a área, xurdida moitísimos anos antes de que existise a Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal. Con Cartaxena, pola contra, a razón resulta moito máis obvia, ao seren as dúas prazas as grandes bases navais da Armada en España. Con respecto a Lugo, existe un vínculo histórico que liga ambas as cidades desde 1768, aínda que o protocolo moderno é de 2000. Tamén no caso de Mondoñedo resulta bastante obvio, ao compartiren as dúas cidades sé episcopal. Xa con Adelaida, e igualmente baseado en razóns económicas, débese a irmandade á construción de destrutores para a mariña australiana por parte de Navantia. En suma, eis os motivos xenéricos que xeraron estas relacións bilaterais e que, con maior ou menor fortuna, se dilatan no tempo.
Agasallos
Algo máis de cincuenta anos atrás, a corporación municipal de Ferrol agasallou á cidade de Cartaxena cun bonito cruceiro esculpido en granito polo canteiro de Vilalonga, Alfonso Vilar Lamelas. A iniciativa partiu de Arsenio López Morado, presidente do Centro Galego desa cidade. Nunha bonita homenaxe, Concello e Universidade de Cartaxena uníronse en 2023 para celebrar esta efeméride, coa intervención da alcaldesa e do cronista da cidade para falar sobre a xénese desta irmandade. Ao pé do cruceiro, que fora erixido en 1973 nunha encrucillada de tres camiños onde estratexicamente exerce desde entón como símbolo protector, as gaitas do grupo Celticue tocaron a “Muiñeira de Chantada” e levouse a cabo unha ofrenda floral.

Con posterioridade a 1973 e como xesto de gratitude, Cartaxena regalou a Ferrol un muíño de vento. O lugar elixido para o seu emprazamento foi o barrio de Caranza, daquela en proceso de construción, dando nacemento así ao que sería o Paseo de Cartaxena. O muíño ficou alí instalado, mais os sinais de abandono e desinterese, alén de diversos actos vandálicos facilitaron a súa desaparición, que as crónicas sinalan en 2001, cando unhas escavadoras viñeron para retiralo e achaiar o terreo. Imaxínese o bochorno do acontecido cando alguén en Cartaxena, durante o citado acto de homenaxe, falou do acontecido co muíño agasallado a Ferrol.
En setembro de 2024, inaugurábase en Ferrol a praza que leva por nome Rancho da Praça-Rendilheiras de Vila do Conde, xesto que consolida o firme lazo da nosa cidade coa portuguesa. Con Lugo existe reciprocidade co intercambio de visitas dos seus alcaldes polo S. Froilán e polo S. Ramón. Xestos protocolarios nalgún caso que talvez a desidia duns e a ausencia de amor propio doutros teñen dado lugar a unha situación tan deshonrosa por parte do noso concello. E é que a desaparición do muíño obsequiado polo municipio cartaxeneiro, ademais de ser un acto infame, racha definitivamente co status quo que se presume para este tipo de irmandades







