Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Nordesía

A literatura insólita de Armando Requeixo: “O nacemento de Galaxia foi un momento decisivo”

O mindoniense leva máis de vinte anos facendo crítica literaria

Armando Requeixo
Armando Requeixo
| Cedida
beowner620V2
COLIMA 620v2
0620_wayalia_redideal_251121_carlos
0620_bonilla_redideal_251121_veronica
liceo620
MCDONALDS 620X50

Armando Requeixo –Mondoñedo, 1971– leva máis de vinte anos facendo crítica literaria para este suplemento e para outros que se publican nas páxinas de diversos xornais. Ao longo deste tempo pasaron por aquí centos de autores e autoras que teñen contribuído e seguen a contribuír a facer das letras galegas un sistema dunha calidade altísima, recoñecida no exterior, como proban os premios acadados alén das fronteiras do país. Este volume é unha mostra, un exemplo, de que a análise e a crítica poden ser accesibles para todos os públicos. 

No libro hai moitas curiosidades e anécdotas sobre escritoras e escritores coñecidos e outros non tanto. Cre que este tipo de enfoque pode resultar máis atractivo para o gran público? 

Así é. O que quixen, como sinala o seu propio subtítulo, é achegar unha ollada ao envés do mundo da escrita, realidades e feitos singulares da literatura universal. Dito noutras palabras: o lado máis inusual ou esquecido ou divertido ou insospeitado da literatura para que as lectoras e lectores se decaten do apaixonante que pode chegar a ser a vida, obra e milagres dos escritores e as súas imaxinativas peripecias. Nese sentido, concibín o libro como un convite para as persoas curiosas, para lectores e lectores de toda idade e condición, non só para especialistas en literatura. É unha obra de divulgación, que pretende ser amena, o que non quere dicir que non sexa informada e rigorosa. 

Vostede ten un coñecemento moi amplo sobre o sistema literario galego, pero houbo algún escritor ou escritora que o sorprendera neste sentido? 

Como é lóxico, tamén as escritoras e escritores galegos teñen un anecdotario nutrido e viviron situacións literarias insólitas. Durante uns anos entrevistei a moitos e confidenciáronme cousas ben curiosas dos seus hábitos como creadores: Agustín Fernández Paz escribía sempre en cadernos de follas amarelas; Ánxela Gracián chama polo can Argos para que estea ao seu carón, come mazás e toma moreas de café; e Luís Valle precisa escribir con algunha pluma ou bolígrafo que teña para el un significado especial, por poñer só algúns exemplos. 

Como definiría este sistema literario? 

Está nun bo momento, tanto a nivel de calidade como de público? Coido que na literatura galega hai luces e sombras: os nosos libros levan premios en Galicia e fóra dela, un número significativo é traducido a diversas linguas, as nosas creadoras e creadores son convidados a foros internacionais e, en xeral, hai unha imaxe ben positiva da nosa escrita por toda parte. Pero tamén hai eivas importantes e o sistema precisa mellorar e reforzarse en moitos ámbitos: distribución do libro, axencias literarias etc. 

Cal cre que é a principal fortaleza da literatura galega e cal é a súa debilidade? 

A principal fortaleza é a calidade contrastada de moitas e moitos creadores galegos. A debilidade máis notoria son as cifras de lectura, que teñen moita marxe de mellora. 

A que outra literatura do seu contorno se podería comparar? 

Da súa contorna ibérica, se cadra o funcionamento sistémico máis semellante ao noso (por volume de produción e presenza social) é o vasco, aínda que noutras cuestións asemellámonos tamén aos cataláns (prestixio dos nosos creadores, número de traducións) e mesmo aos portugueses (proxección mediática, consideración académica). Supoño que o feito de vivir nun mundo globalizado tamén axuda a que moitas das nosas dinámicas sexan máis ou menos comúns ás da veciñanza. 

A literatura galega sería distinta se non tivese existido... 

Sinalo só tres momentos decisivos, aínda que podía amentar moitos outros: o Rexurdimento; o descubrimento a principios do século XX dos vellos cancioneiros medievais e o nacemento da Editorial Galaxia, que este ano celebra o seu setenta e cinco aniversario. 

Cal foi a razón principal que permitiu á literatura galega sobrevivir aos períodos en que estivo relegada? 

A fe inconmovible das nosas autoras e autores, que sabían que coa súa escrita estaban axudando a conservar para as xeracións posteriores un herdo milenario que era a pedra ancilar dunha cultura e unha maneira de ver o mundo: a nosa lingua. Sen elas e sen eles, Galicia non existiría. Ou non existiría tal e como hoxe a entendemos.

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
lacabaña620