Natalia Hermida (concelleira de Turismo de Narón): “O principal obxectivo é dar unha atención máis personalizada”
Falamos coa edila naronesa para coñecer tanto o traballo que se leva a cabo dende a súa área municipal como algúns dos eventos máis atractivos da localidade

Debido ao inicio da temporada de verán esta semana, o Concello de Narón afronta os meses máis turísticos do ano coa reactivación de todos os seus servizos para atender e informar ás persoas que pensan visitar o municipio. Co obxectivo de comprender mellor as iniciativas que se levan a cabo dende a Concellería de Turismo, falamos coa súa responsable, Natalia Hermida.
Que balance fan do último verán en termos turísticos?
O balance é positivo, vemos que Narón se posiciona cada vez máis en turismo activo e tamén de actividades de cultura, deportivas e relacionadas coa natureza en xeral.
Como valora o servizo municipal de información turística?
É un servizo necesario. É verdade que non é o único porque hoxe coas redes sociais e o Concello de Narón temos outros dispositivos que son antenas informativas nas que procuramos ofrecer información turística, non só de Narón, senón tamén da comarca. nos diferentes establecementos hosteleiros que así o solicitan. Sempre lles enviamos un correo para que, se queren ter un stand informativo, un expositor con toda a información turística, simplemente o teñen que comunicar e con iso que temos, pois son esas antenas especificamente onde están a xente que se aloxa en Narón cando veña a visitar o municipio e a comarca. E iso tamén é unha información importante que levamos ao mismo sitio de aloxamento.
Teñen previsto incorporar novos servizos ou ferramentas?
Este ano estamos traballando un pouco o tema audiovisual. É verdade que nos últimos anos fomos actualizando moito o tema da información escrita e contidos tamén pola apertura do centro de interpretación. Polo tanto, fomos actualizando tanto a guía de ‘Narón para os teus ollos’ como toda esa información nova ademais de folletos ou trípticos novos . Por outra banda, este ano estamos entrando máis nunha marca turística e tamén na creación de contidos audiovisuais para a promoción do concello. Esas son as ferramentas nas que máis estamos traballando.
Cales son os obxectivos da súa área de cara a este verán?
O principal obxectivo é dar unha atención máis personalizada e o máis eficaz posible a todos os visitantes que veñen a Narón; que chegue esa información aos sitios onde eles pernoctan e por onde se moven para non ter que desprazarse nun horario determinado á oficina de Turismo. Ademais, outra das aspiracións é incrementar as visitas no centro de interpretación dos Muíños de Xuvia (Címix) porque leva un ano de andadura. O primeiro ano é máis difícil, pero está tendo moi boa acollida tanto por parte dos peregrinos e peregrinas que pasan polo camiño como de visitantes e grupos interesados que van facer visitas guiadas. Por outra banda, queremos seguir mellorando o ‘Oenach Atlántico’ en canto a número de visitantes, a promoción do Camiño Inglés e o ‘Gulliver Fest’, que se celebrará a comezos de agosto no paseo marítimo de Xuvia.
Actualmente, hai algún perfil de visitante que predomine máis?
Sobre todo familias de idade media. O máis habitual en Narón é un turismo familiar activo pero tranquilo e responsable, que busca actividade cultural actividade física e natureza.
Cal diría que é a xoia da coroa do turismo en Narón?
Creo que as áreas de natureza, verdes e recreativas. Tamén estamos a piques de abrir a piscina de verán, que tamén vai ser un aliciente máis para as familias, pero en xeral toda esa parte, os eventos culturais, as festas gastronómicas e as populares. Despois, en Narón tamén supoñen unha atracción turística moi importante os eventos deportivos, como poden ser as ‘21 leguas’, que atrae moita xente doutros puntos de España, igual que cando organizamos unha competición internacional de calquera modalidade deportiva. Levamos moitos anos traballando nese eido e sendo un referente desa liña, pero en xeral considero que as áreas verdes e recreativas e as actividades culturais e familiares son o punto forte de Narón.
Hai algúns que lles recomendaría aos turistas?
Por suposto, recomendo visitar o Címix e o ‘Oenach Atlántico’, unha festa que pon en valor a cultura centro-galaica e que é un referente para a promoción da cultura en Narón. Sempre temos como referencia a promoción deses eventos culturais e tamén o ‘Gulliver Fest’, na área recreativa de Pedroso, no que a música e a natureza se combinan con moitísimas actividades familiares. É un espazo natural con río e moi agradable para pasar tres ou catro días logo na zona. Despois temos outras, como son a do Couto ou o paseo marítimo de Xuvia –que se trata dun enclave marabilloso– e, como non, o Camiño Inglés ao seu paso por Narón, que tamén é un espazo moi agradable, bonito e con moitos recursos importantes que ver, como son neste caso o Címix e o mosteiro de San Martiño de Xuvia.
E en canto a eventos e festas?
Eu recomendaría todas as festas gastronómicas porque, en Galicia, o que é importante e o que ten moito peso son os xantares populares e as festas gastronómicas, como é o caso da Festa do Pemento do Couto, as festas de Pena Molexa e San Xoán...En fin, cremos que todo o relativo ás festas e xantares populares sempre é unha atracción turística importante en todos os concellos.
Algo máis que quixera engadir?
Dende o Concello de Narón convidamos a todas as persoas que nunca estiveron na nosa localidade a que veñan para coñecela e desfrutar de todas as actividades e eventos que se organizan nela. Por outra banda, tamén lles animamos a visitar lugares como o Címix e a pasar uns días moi agradables no municipio, puidendo gozar de toda a cultura popular e a gastronomía local. E, por suposto, a que merquen unha deliciosa tarta de Narón.












