Preto de 1.400 escolares inundaron Narón de galego na celebración comarcal do Correlingua
Na cita tomou parte alumnado de Infantil e Primaria de 14 centros educativos da comarca
Arredor de 1.400 alumnas e alumnos de Infantil e Primaria, procedentes de 14 centros educativos de Narón, Ferrol e Fene, tomaron parte onte na celebración comarcal do Correlingua 2026, que se celebrou no Pazo da Cultura nun ambiente de participación e reivindicación colectiva.
A cita estivo conducida por Isabel Risco, que se encargou tamén de ler o manifesto deste ano baixo o lema ‘Co galego no corazón facemos revolución’. Pola súa banda, o artista Paco Nogueiras foi “o gran protagonista do espectáculo”, explica o Concello, cunha actuación que puxo en pé a un auditorio entregado dende o primeiro momento.
Fóra das instalacións do Pazo, O Correlingua percorreu un itinerario entre a rúas Ramón Cabanillas, Rafael Bárez e María Casares, “nunha imaxe que resumiu o espírito do evento: centos de nenas e nenos levando o galego á rúa, con enerxía e ledicia”, destacan desde o executivo naronés.
Presisamente, a edila responsable do departamento de Ensino, Olga Ameneiro, agradeceu aos centros educativos, ao profesorado e a todas as entidades implicadas o traballo realizado, reafirmando o compromiso do Consistorio coas políticas de normalización lingüística.
Legado
A secretaria comarcal da CIG Ensino Ferrol –unha das entidades impulsoras do Correlingua–, Andrea Martíns, tomou a palabra despois do espectáculo e antes da clausura do evento, que correu a cargo da alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro.
A rexedora subliñou o carácter reivindicativo que ten cada ano esta xornada, incidindo en que “non é só unha carreira, é unha reivindicación colectiva do dereito a medrar en galego e a sentirnos parte dunha cultura propia que nos identifica e une como pobo”.
A dirixente municipal aproveitou para animar ao alumnado presente a seguir empregando de maneira habitual a lingua do país. “Cada vez que falades galego estades mantendo vivo o legado de xeracións e abrindo o camiño para as que virán detrás”, declarou a alcaldesa.










