María Lorenzo | “O galego é o noso patrimonio, o legado máis importante da nosa cultura”
Abordamos coa concelleira de Política Lingüística os proxectos que está levando a cabo o goberno naronés para impulsar o galego
Segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística, do período 2023–2024, a zona de Ferrol, Eume e Ortegal é a terceira área da comunidade autónoma na que menos galego se fala, representando un 28% a poboación que o emprega sempre ou máis que o castelán.
Malia isto, algúns concellos traballan dende hai décadas para impulsar o uso do galego. Un exemplo é o de Narón. Para coñecer as iniciativas que leva a cabo o goberno local, falamos coa súa concelleira de Igualdade, Benestar Social e Política Lingüística, María Lorenzo.
A súa formación leva gobernando en Narón dende 1985. Imaxinamos que en tantos anos houbo moitos cambios en materia de política lingüística... Creo que a nosa formación fixo dende sempre unha aposta clara pola cultura e a tradición, o cal inclúe indubidablemente a lingua, pero houbo moitos cambios dende a creación no seu momento do propio Servizo de Normalización Lingüística ata agora, cunha Delegación de Política Lingüística.
Moitas persoas coñecen o termo ‘normalización lingüística’, pero non saben o que implica.
En definitiva, dende a nosa área levamos a cabo accións de dinamización da lingua para que o galego estea presente; que se escriba, se escoite e se fale.
Que proxectos están desenvolvendo en materia lingüística?
Por un lado, temos ‘Apego’, un programa colaborativo de distintas entidades municipais que forman parte dunha entidade dinamizadora – Lingua –. Trátase de actividades lúdicas en familia que facemos de 3 a 6 anos no local social de San Xiao e nas que a lingua é o núcleo do lecer. Todo xira arredor da lingua galega, da tradición e tamén da música para familiarizar que a infancia fale e escoite galego. Despois, temos outro proxecto propio do Concello para máis grandes, de 6 a 12 anos, chamado ‘Guizo’: son actividades en familia tamén relacionadas co medio ambiente, que se desenvolven unha vez ao mes no local social de O Couto. E o último, que introducimos hai un ano, é ‘As nosas tradicións’. Nel entrégase fisicamente un folleto por trimestre ás escolas municipais de Narón para que as familias teñan un impreso coas tradicións por trimestre, pero calquera persoa pode acceder a esta información na web naronengalego.gal.
Contan con outros programas máis aló do eido infantil?
Sí, para xente máis moza, formamos parte do proxecto ‘Youtubeiras +’, cuxa gala celebrouse hai dous anos aquí. Pretende estimular ás persoas protagonistas das redes sociais que creen contido en galego, e o Clube de Debate Alingua, no que este ano puidemos contar con oito grupos de centros de ensino de Narón, obtendo un deles o quinto posto na final. Despois, temos a Festa das Letras, obradoiros de acollemento lingüístico...e de cara ao turismo, temos unha guía ‘En Narón Galego Viaxeiro’, para aquelas persoas que visiten a cidade e que queiran aprender a expresarse na nosa lingua.
Cales son os desafíos actuais aos que se enfrontan na súa área?
Creo que non son os mellores tempos para a lingua galega. Tiñamos non hai moito datos nos que, por primeira vez, o número de galegofalantes era menor que o de castelanofalantes na comunidade. O principal desafío, fundamentalmente, é que o galego estea presente na fala, na escrita, na música e no turismo, dende a infancia ata a idade adulta. Para poder falar unha lingua, temos que escoitala primeiro, polo tanto é necesario e imprescindible que a falemos. O galego é o noso patrimonio; é o legado máis importante da nosa cultura. Hai que facer esforzos e traballar por mantelo.
Contando este Día das Letras Galegas, son sete as mulleres que foron homenaxeadas a título individual nos 63 anos que se leva celebrando esta data. Cómo ve a situación das autoras galegas?
Como tamén son concelleira de Igualdade, creo que hai que seguir traballando moito para igualar a situación, pero sempre me gusta ver a parte optimista: que se está avanzando. Aínda queda por facer, pero creo que niso estamos, visibilizando ás que antes eran invisibles e poñéndoas no lugar que se merecen, dándolles protagonismo. l











