O proxecto Guizo achega aos pequenos de Narón a posibilidade de crear ‘bombas’ de sementes
A actividade, impulsada polo Servizo de Normalización Lingüística, terá lugar mañá no Couto

O centro cívico social do Couto acollerá o próximo sábado, desde as 11.00 horas, unha nova proposta do proxecto Guizo, unha iniciativa impulsada polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón que promove o uso do galego entre os máis novos a través dun lecer educativo, creativo e de contacto coa natureza.
Así pois, o local acollerá o obradoiro ‘Bombas de sementes’, no que o público familiar –a proposta está pensada para menores de seis a 12 años, que deberán acudir en compaña dunha persoa adulta– aprenderá a empregar a técnica coñecida como ‘Nendo Dango’. Trátase dun método de orixe xaponesa creado polo apicultor e biólogo Masanobu Fukoka, que pretende favorecer a reforestación e a recuperación dos ecosistemas de maneira natural.
Estas pequenas bólas –de arxila, terra e sementes– protexen o seu interior das condicións ambientais e dos depredadores, até que se dan as circunstancias axeitadas para a xerminación, explican desde o Consistorio naronés, incidindo en que “deste xeito, convértense nunha ferramenta sinxela e eficaz para espallar a vexetación e contribuír á biodiversidade”.
Educación ambiental
Cabe sinalar que o obradoiro estará impartido pola cooperativa galega SomosTerra, especializada na educación ambiental e a sustentabilidade. Así pois, por medio de propostas prácticas e participativas, o colectivo busca sensibilizar á cidadanía sobre cuestións como a importancia de coidar a contorna natural e ser respectuosos co medio.
As actividades do proxecto Guizo son de balde, mais requiren inscrición previa. Esta pode formalizarse por medio do correo electrónico a.pita@naron.gal, adxudicándose as prazas por orde de solicitude.
Desde o Concello naronés indican que a programación proseguirá nas vindeiras semanas con novas citas, como a do 23 de maio con “Os superpoderes dos paxaros”, e a do 13 de xuño, que pechará o ciclo e que consistirá nun obradoiro de cociña a cargo de Os Picos do Sol








