Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Narón

Xisco Feijoo, artista: “A música tradicional é digna por si mesma, non precisa de grandilocuencias”

O músico chega o sábado –20.00 horas, Pazo da Cultura– as táboas de Narón cunha proposta na que as partituras máis clásicas fan sinerxia co folclore galego

Xisco Feijoo durante unha actuación
Xisco Feijoo durante unha actuación
Cedida
0620_wayalia_redideal_251121_carlos
0620_bonilla_redideal_251121_veronica
liceo620

O Pazo da Cultura de Narón recibe este sábado a un artista que soubo ler a tradición galega desde o futuro. Xisco Feijoo chega co seu formato máis ambicioso, “Sinfónico”, onde a pandereta e a voz de aldea se abrazan coa sofisticación dunha orquestra. Un espectáculo que non só é música, senón un acto de orgullo e vangarda.

Como artista pasou da intimidade da pandereta á inmensidade dunha orquestra. En que momento sentiu que a tradición galega “precisaba” este traxe de gala sinfónico?

A música tradicional galega xa é digna por si mesma e non precisa de “grandilocuencias” para ser valorada. Esta evolución naceu máis ben dunha necesidade persoal de buscar novas fórmulas expresivas e da influencia que tiven dende neno polas sonoridades das cordas que escoitaba o meu pai. Tras unha proba este verán co produtor Juan Eiras, vin que a orquestración non ocultaba nin minoraba a esencia da nosa música.

Como foi o proceso de “tradución”? Resúltalle difícil facer que unha sección de violíns entenda o swing ou o “atranque” dunha muiñeira?

Non é un traballo sinxelo, xa que require tempo, paciencia e xenerosidade para traballar con instrumentistas que están máis afeitos á partitura que á improvisación. Tivemos a sorte de contar con Manuel Villar e Juan Eiras, que coñecen ben o mundo tradicional e souberon guiar aos músicos no ataque, na interpretación e na dinámica para que a música non perda esa esencia de foliada e as ganas de ser bailada. Para un músico tradicional, entrar nestes “xardíns” académicos pode ser abrumador, pero o traballo do produtor musical foi clave para que o rigor da orquestra de cámara de Valga non matase a forza do folclore.

A súa proposta rompe coa imaxe austera do tradicionalista. Considera o sinfónico unha ferramenta para demostrar que a nosa música non ten teitos nin etiquetas?

O obxectivo é aderezar a música con novas sonoridades tímbricas sen que iso signifique que a necesite para ser máis digna. Trátase de explorar xéneros; xa o fixen co folk clásico e con sons máis contemporáneos, e agora buscamos que todos os elementos sonen como un só dentro desta nova potencia.

Como logra que o recendo a terra e a “foliada” non se perdan entre tanta partitura e rigor académico?

Grazas a un estudo moi serio das formas melódicas, ritmos e repeticións que provoca a danza. O segredo está en respectar as estruturas para que a esencia non se vexa afectada, incorporando ademais elementos puramente tradicionais no espectáculo como o baile e a percusión.

O Pazo da Cultura é un auditorio cunha sonoridade impecable. Como se sente ao traer un despregamento sinfónico a un escenario que permite apreciar cada matiz das cordas e, á vez, o golpe seco da pandereta?

É un reto abrumador pero emocionante. Ao ser un espazo tan grande, imos utilizar un formato “semiacústico” cun estudo de son e luces moi preciso para que os instrumentos de percusión non “coman” a sonoridade da orquestra de cámara. Buscamos un equilibrio case perfecto entre o grupo de pandereteiras, un pianista, un acordeón, a orquesta de cámara de Valga, dirixida por Manuel Villar, os bailaríns e eu.

Narón e toda a comarca de Ferrolterra teñen unha conexión moi forte coa música de raíz. Sente vostede unha responsabilidade extra ao presentar este formato “culto” ante un público que coñece tan ben a orixe destas cancións?

É unha responsabilidade que afronto con ganas de que os equilibrios acaden a perfección. O espectáculo contará coa presenza de dez pandereteiras (o grupo Adeo), percusión tradicional de toda Galicia e baile, para que o público que coñece a raíz sinta que todo o conxunto mantén a súa alma.

Despois de encher auditorios con este formato, que lle queda por explorar? Hai volta atrás á pandereta solitaria cando un xa ten probado esta potencia sonora enriba dos escenarios?

Sempre hai volta atrás; unha cousa non está reñida coa outra. Sigo combinando estes grandes formatos co meu espectáculo “Traede Ferrallada”, onde toco percusión de xeito moi sinxelo e interactúo co público, incluso lles pido que se animen a tocar comigo. É como vivir nunha gran vila pero sen esquecer volver á aldea para estar nunha veiga; a miña aldea son a pandereta e a percusión pura.

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
PRIMERA-LINEA-620