Unha gran estrea no escenario do Pazo da Cultura con “Manual de Patronaxe”
Teatro do Noroeste chega as táboas de Narón cunha obra inédita, un texto de Nerea Brey que acadou o premio Abrente da Mit de Ribadavia que contará con dous pases esta fin de semana

O Pazo da Cultura vístese de gala esta fin de semana e non é para menos. “Manual de patronaxe” aterra nesta pista naronesa, pero tamén a nivel xeral, posto que os dous pases que están programados –venres ás 20.30 horas e sábado ás 20.00– serán as dúas primeiras postas en escena que fará esta obra, un texto orixinal de Nerea Brey que poñen en vida Iolanda Muíños, Susana Sampedro e Raquel Espada.
A produtora artística da compañía Teatro do Noroeste, encargada de levar a cabo esta función, Eva Blanco, explica que a temática céntrase nalgo que “na sociedade de hoxe en día estamos a ter descoidado. Esta proposta é un pouco unha homenaxe aos nosos e ás nosas coidadoras, ás nosas avóas”, explica Blanco, que, ademais, incide en que esta era a vocación orixinal do texto de Brey e que “nós, ao levalo á escena, respetámolo completamente e incluso puxemos un pouco do noso”, avanza.
E aínda que non se pode desvelar todo, adianta que o público vai ter que descubrir “que parte é da autora e cal da compañía, onde hai ficción e onde non”, un reto que vai ser máis complexo do que pode asemellar, xa que as tres actrices que levan a cabo o espectáculo “entran no escenario sendo elas e, despois, van incorporando ás súas personaxes”.
O equipo atópase agora mesmo inmerso nas últimas pinceladas de cara a dar a coñecer esta dramaturxia despois dun longo tempo de ensaios, están xa listos para o municipio naronés. “Estamos agora instalándonos no Pazo da Cultura para facer os últimos pases xerais antes da gran estrea, facendo a residencia técnica e, como sempre, estamos encantados de poder estar aquí. Teatro do Noroeste ten moi boa percepción da localidade porque sempre que vimos estrear aquí resulta marabilloso”, explican desde a agrupación, agradecendo non só o espazo que brindan as instalacións municipais, senón tamén o calor dun público que non defrauda.
E máis, deixando entrever o que pode esperar o patio de butacas, Blanco avanza que Muíños, Sampedro e Espada, ademais de ser “marabillosas profesionais”, van ser quen de “empatizar e conectar” con todos e todas aqueles que opten por achegarse ao Pazo durante esta fin de semana. Iso si, advirte de que, a pesar de que non farán falta panos para secar bágoas, a obra vai apelar “á emoción, ao goce e á risa. Sen dúbida vai tocar un pouco o corazonciño”.
“É posible que máis dun sinta a emoción a flor de pel porque ao final falamos dunha historia de vida”, explica produtora, xa que “Manual de Patronaxe” non só é unha homenaxe, como xa se mencionou, senón que é unha oda na que se volve, en certa forma, á infancia, “ao tempo que Brey pasou coa súa avóa mentres ela facía arranxos, porque era modista”.
A título personal, Blanco destaca “unha ollada moi feminista sobre as nosas referentes e coidadoras, que nos axudaron a ser as persoas que somos agora”. E como non podía ser doutra forma, son tres mulleres as que farán este recorrido vital.





















