A música de Narón presume de talento, e tamén de solidariedade
O custo de cada entrada, con valor de 5 euros, será doado íntegramente ao Centro de Recursos Solidarios

Como todo bo galego que se presta, os músicos da Xovebanda de Narón e os seus homólogos máis novos, os da “Sementeira”, celebran o seu patrón, Santa Icía, pero, consolidando unha tradición que naceu o ano pasado, farán festa coa solidariedade por bandeira.
Ambas agrupacións subirán ao escenario do Auditorio municipal este sábado 22 a partir das 18.00 horas cun repertorio que promete non deixar indiferente a ninguén. As entradas están xa a disposición do público a través da páxina web do Padroado de Cultura por un prezo de cinco euros. O importe, explican dende a directiva da asociación que engloba aos dous grupos, irá destinado integramente ao peto do Centro de Recursos Solidarios de Narón.
“O ano pasado, con motivo da DANA, fixemos un concerto, como cada ano, en solidariedade cos músicos de aló. Recadamos 1.080 euros e tanto os nenos coma as familias acolleron a proposta marabillosamente. Entón decidimos usar este talento para axudar a quen o necesite. Comunicámoslle a nosa intención ao CRS e responderon superben”.
Os integrantes de ambas bandas senten unha devoción por subirse ás táboas, máis cando é na casa, pero tendo en conta o fin último: “Axudar é un aliciente enorme. Saben que están a tocar por algo bo, unha cuestión que os fai sentir verdadeiramente orgullosos”.
Entre risas, aseguran que esta cita fai especial ilusión, posto que “imos de cea, unha na que tamén están presentes os máis pequenos, e na que temos un amigo invisible”.
Máis que ritmos
Así, e xa sen público, a Asociación Cultural Musical Sementeira de Narón busca “facer familia” aínda máis se é que iso é posible porque, entre ensaio e concerto, os integrantes de ambas formacións mestúranse nos corredores do Pazo, “comparten e se axudan entre eles. Hai un ambiente coma se dunha casa se tratara”, unha cuestión que, prometen “vaise deixar gozar o sábado”.
Desta forma, e sen facer alarde, esta cita será a antesala para a que é a gran actuación que, anualmente, celebra este colectivo. O concerto de fin de ano tamén está programado –para o 27 de decembro– e, desta volta, “vai ser máis especial que nunca. Temos preparado algo que cremos que vai gustar moitísimo”, avanza. Non é para menos, neste 2025 a entidade cumple tres décadas a pleno rendemento, motivo, sen dúbida, para sentirse ben fachendoso.





















