Non é moderno, “é de toda a vida”: a compra máis “ecofriendly” está no Alto do Castiñeiro, en Narón
4Eco botou a andar hai algo máis de cinco anos, ofrecendo alternativas máis respectuosas co medioambiente

Se o Goberno central anunciou o peche do país por covid-19 un domingo, Javier e Marga recibiron o último que necesitaban para a súa apertura o venres. Así o recordan agora, unha andaina que comezou en maio, en plena escalada de desconfinamento, hai cinco anos.
Dende aquela, na súa tenda do Alto do Castiñeiro, teñen “clientes fieis”, aqueles que probaron as posibilidades que ofrece 4Eco Narón, que comezou apostando polos deterxentes e produtos de limpeza baixo unha política “de plásticos cero” que se mantén ata hoxe en día. E, ademais, dos que confiaron neles dende o minuto un, dende o establecemento recoñecen que “sempre hai xente nova que se vai interesando, quizais porque tamén nos imos concienciando cada vez máis”, reflexionan.
É máis, eles mesmos foron mudando co paso do tempo e, a pesar de que manteñen a esencia coa que empezaron, ampliaron as infusións ou produtos de cosmética “sempre coa nosa liña de reutilizar as cousas, de usar o granel para non xerar envases”, e hai que estar atentos, porque teñen pensado ampliar material.
Esta alternativa ás compras nas grandes superficies non só é amiga da natureza, senón tamén dos petos, xa que “os nosos produtos teñen o mesmo prezo porque os vendemos a granel; por exemplo, o deterxente vén en bidóns de 60 litros e despois devolvemos os recipientes á fábrica, lávanse e vólvense reutilizar.
Aquí véndese coa billa, entón reduces custos en envases, entre outros, polo que aforras moito tamén”, explica. Isto permite que este establecemento manteña unha venda ao público “nos que os limpadores para chan non chegan a dous euros o litro e o suavizante igual, a 1,90 euros”. E, claro, ademais hai que ter en conta que “ao final, o prezo non é o que desembolsas no momento, senón o que tardas en volver mercar”.
Neste sentido, por exemplo, estarían os xampús sólidos, que rondan os dez euros pero que poden durar meses. E a pesares de que isto pareza unha modernidade, nada máis lonxe. “Antes de que nos volveramos tolos pensando que todo é para nós, entrando nun ciclo de consumir, tirar e comprar de novo, iamos ao supermercado e miña nai levaba a bolsa de casa. Isto son costumes, os de sempre, que fan que as cousas sexan moito máis sostibles”.
Mais non só isto, pois a premisa de “canto máis natural, mellor é certa”, polo que en 4Eco Narón experimentaron un auxe na venda de todos aqueles produtos relacionados co mundo da cosmética. “Saen moitos desodorizantes ou pastas de dentes. Creo que a xente está empezando a ter conciencia da importancia da pel, especialmente nas zonas máis sensibles, porque todo o que aplicas no corpo vai ser absorbido”, din.
Traballan con todo tipo de formulacións que se adaptan tanto a aqueles que sofren dunha dermatite como aos que buscan unhas propiedades concretas. “Os xeles están tanto en formato sólido como líquido, podendo levar un pedazo ao corte ou traer o propio envase da casa. Todos son con ingredientes naturais e pódese encontrar desde aceite de oliva en solitario ou mesturado con, por exemplo, romero, en función da pel de cada un”. En definitiva, unha demostración de que “o de toda a vida” segue a funcionar hoxe en día.
