Artur Trillo, director de teatro: “Os que somos pais vímonos xustificando accións que rozan o esperpento”
A compañía Talía chega esta misma tarde ao Pazo da Cultura con “Un deus salvaxe”, que recalará dúas xornadas nos escenarios naroneses

“Por un fillo acabamos facendo calquera cousa, non?”, recoñece Artur Trillo, o director de Talía Teatro, que hoxe e mañá subirá ao escenario do Pazo da Cultura con “Un deus salvaxe”. Un texto, orixinal da dramaturga francesa Yasmina Reza, que xa triunfou na gran pantalla grazas ao recoñecido Roman Polanski no 2011 –que contou con Kate Winslet e Jodie Foster como coprotagonistas, entre outros– e agora chega a Narón co elenco da compañía coruñesa.
Avanza o director que, no escenario, dous matrimonios “que queren solucionar as cousas como civilizados” teñen que resolver un incidente provocado polos nenos, “e no que ningún dos pais estaba presente”, que vai escalando até límites insospeitados. En síntese, unha ecuación perfecta entre a comedia e o drama que resulta nun exercicio de reflexión social, pero que non deixa de lado o entretemento. En ningún momento perden a esencia da “diversión pola diversión, porque isto é unha comedia, pero ten un compoñente dramático moi potente”, asegura, pero acadan o seu obxectivo ao “retratar algo moi serio, pero no que, ás veces, as personaxes acaban por ser ridículas”, explica. E é que, como Trillo asume, “os que somos pais, en algún momento nos vimos defendendo aos nosos fillos de facer ou non facer cousas, xustificando accións que rozan o esperpento. As veces temos dado voltas para, dalgunha maneira, argumentar que as nosas crianzas tiveron algunha razón para facer o que fixeron, porque eles non son malos, nin moito menos”, recoñece Trillo, quen ademais remarca que “é moi actual porque, cada vez máis, os seres humanos perdemos a perspectiva de que está ben ou mal, porque mesturamos a defensa do noso, perdendo a obxectividade”, asegura, quizá máis como pai que como director.
De feito, e dando por sentado que, como explica Trillo, “teatralmente este é un texto apetecible”, unha das cuestións que chamou a atención das diferentes persoas que conforman Talía e que “propiciou debate entre nós. Estamos nunha idade onde temos fillas e fillos en idades que asemellan moito ás da representación e, dalgunha maneira, axudounos a tomar esa decisión. É máis, precisamente neste espectáculo, os catro actores que interpretan o texto e eu, tivemos moita charla, porque vimos a necesidade de buscar un texto así, tendo o convencemento de que falabamos de algo do día a día; cunha temática que, sen dúbida, afecta a moitas persoas do público que nos van ver ou que, se non é de forma directa, coñece a alguén que se pode comportar así”, asegura.
E esta é unha das funcións do teatro, polo menos do que fai esta compañía, que quere poñer en escena “aspectos da vida diaria que axuden e que inviten a unha reflexión. Aí é onde lle queremos ver a utilidade”, iso si, sen esquecer que o público está no seu tempo de ocio.
Xa nun plano persoal, é obvio que Trillo sente unha conexión co texto de Reza, e bota a vista atrás para rememorar a época na que el era o pequeno da casa. “Recordo que antes, diante de ámbitos alleos como a escola, non tiñamos tanta defensa. Se nos tiña que castigar, un profesor nos castigaba, pero agora, polos nosos fillos, matamos, porque queremos que estean nunha burbulla”, reflexiona.
María Ordóñez, Dani Trillo, Marta Lado e Toño Casais son os encargados de levar a término esta historia, que, claro está, pódese levar as casas ou, neste caso, sacala delas para satirizar unha situación da que moitos foron parte, directa ou indirectamente, nalgún punto da vida.











