Electrónica de Jëan Fixx entre pinturas de Raquel Calvo, só unha das razóns para ir a Valdoviño
A axenda desta fin de semana tamén vén cargada polo Día das Biliotecas, con Medos Romero e Culturactiva

Esta fin de semana en Valdoviño celébrase o Día das Bibliotecas con dúas actividades de acceso libre: o programa inaugúrase este venres 24 coa presentación da última obra de Medos Romero, “As flores do baleiro”, e continuará o domingo 26 coa representación teatral, a cargo de Culturactiva Producións, de “Castelao”. A actividade non se detén o sábado 25, cando se ofrecerá unha sesión da música electrónica de Jëan Fixx para ambientar a exposición pictórica de Raquel Calvo Gómez, “Paisaxes Interiores”.
Son moitas as excusas posibles para revalorizar o “nutritivo” mundo das letras alén da popular data do mes de abril. Despois de ter dedicado unha xornada da semana pasada ás escritoras, que este ano coincidiu o luns 13, o Concello de Valdoviño non deixa escapar a oportunidade desta volta e organiza un programa polo Día das Bibliotecas, que se conmemora cada 24 de outubro a nivel estatal.
Medos Romero, das Pontes, conversará sobre a súa última publicación coa escritora e tradutora naronesa Ana Varela (“Asombrario” e “Onde nacen as hedras”), na biblioteca municipal, ás 19.30 horas. Algúns dos seus títulos anteriores son “O pozo da ferida”, premio Miguel González Garcés; “Peixes que esvaraban ao unísono”, premio de poesía erótica Illas Sisargas, e “O sol era Ela”, premios Afundación e o Nacional de la Crítica.
Neste libro, a autora atribúe características que serían intrínsecas aos seres humanos, como a fraxilidade, o egoísmo, a necidade e a barbarie, definíndoo como “un pranto contido diante dunha inmensa traxedia humana, un testemuño poético e persoal desde o ventre da pandemia, a dor en extrema soidade”.
Teatro
A compañía Culturactiva Producións será a encargada de pechar a axenda da fin de semana, o domingo ás 18.00 horas, coa representación de “Castelao”.
Este espectáculo constitúe unha das primeiras propostas escénicas dirixidas ao público infantil centradas na figura do ilustre rianxeiro, ao que se dedica este ano. A contadora e escritora fenesa Paula Carballeira asina o texto, que interpretan Mónica Camaño e Cris Collazo, baixo a dirección de Fina Calleja.
Os espectadores coñecerán nesta obra a un Castelao de oito anos que se divirte en arriscadas aventuras no peirao de Rianxo e interactúa coa audiencia.
Unha experiencia artística única
O sábado, de 19.00 a 20.30, ofrécese unha oportunidade única para apreciar a selección pictórica que Raquel Calvo exhibe na sala de exposicións da Casa da Cultura de Valdoviño até finais de mes. Jëan Fixx, o proxecto do artista multidisciplinar Félix Fernández (creador de Innflexia), poñerá banda sonora aos lenzos, nos que se conecta natureza e subxectividade para mirar cara adentro. Así, “Paisaxes interiores” ábrese ao baile con estilos como o techno, electro, synthwave, dupstep ou EBM.