A escola de música moderna de San Sadurniño exhibe o seu traballo este domingo
O concerto terá lugar na Casa da Cultura, antes da actuación das aulas culturais nos xardíns municipais

As escolas municipais de San Sadurniño volven separar en dúas datas os concertos de fin de curso nos que amosan o aprendido durante as clases, comezando polo alumnado de música moderna, que despedirá a tempada este mesmo domingo 21, a partir das 12.00 horas, na Casa da Cultura.
Na escola de música moderna, que conta con 44 participantes, promóvese a formación dos chamados combos, é dicir, grupos cun pequeno repertorio que se animen a tocar en público, como fará un destes colectivos, Karajuapos, tras ser elixido para participar no Festi Pops de Ribeira, o venres 26.
Ese mesmo día, nos xardíns municipais, actuarán as escolas culturais, xusto despois do concerto monologado de Brais das Hortas ‘Contos de defuntos e outros asuntos’, ás 18.45 horas. Arredor das 19.30 fará a súa exhibición o alumnado de música e baile tradicional.










