As mulleres das Letras Galegas para o público máis pequeno e ‘Nabiza Girl’ pechan a axenda do 17 de maio en San Sadurniño
Trémola Teatro e Isabel Risco con Alberte Bello despedirán a programación na lembranza de Begoña Caamaño

A programación con motivo das Letras Galegas que organiza o Concello de San Sadurniño continúa fóra da semana do 17 de maio con dúas propostas escénicas vinculadas, dun xeito ou doutro, á efeméride. O primeiro destes dous encontros que quedan virá da man de Trémola Teatro, que ofrecerá unha peza dirixida ao público infantil que pon o foco nunha inmensa minoría como son as mulleres ás que se ten homenaxeado nesta data ao longo de toda a historia.
Dificilmente se escollería un ano máis axeitado para levar a escena ‘As letras que voan con nome de muller’, unha sesión de contacontos que descubrirá ás familias figuras como a de Begoña Caamaño, a escritora e xornalista seleccionada este ano pola Real Academia Galega, así como as das anteriores autoras homenaxeadas. A proposta desenvolverase o venres 22, ás 19.00 horas, na Casa da Cultura.
Neste caso incluída na axenda de San Sadurniño a través da Rede Cultural da Deputación da Coruña, a actividade con motivo das Letras rematará o domingo 24 (20.00 horas) no local social de Lamas cunha protagonista que xa coñece ben estas terras como é Nabiza Girl. Esta superheroína da fouciña voltará co propósito de salvar a lingua e a cultura galegas de todas as ameazas que as están a poñer en perigo. Isabel Risco, como Nabiza Girl, e Alberte Bello, como o seu escudeiro fiel, chamado Don Galizo, son os dous artistas encargados desta proposta humorística de arredor de 70 minutos de duración cargada con grandes doses de feminismo.










