Lección de fiabilidade e audacia do alumnado do CPI San Sadurniño
Os rapaces do equipo Morriña Dynamics acadaron as semifinais na competición STEM Racing Spain

O Circuíto Madrid-Jarama RACE foi testemuña estes días dunha fazaña tecnolóxica protagonizada por alumnado de Ferrolterra. Morriña Dynamics, a escudaría do CPI San Sadurniño, completou a súa participación na fase rexional da Stem Racing Spain cun balance que supera o estritamente deportivo. Cabe sinalar que este desafío educativo de enxeñaría propón a creación de prototipos de Fórmula 1 a escala propulsados por gas comprimido e, neste contexto, os escolales sadurniñeses competiron directamente na categoría máis elevada, a profesional, sendo o equipo máis novo e con menores recursos da convocatoria.
A iniciativa xurdiu no Club de Ciencias do colexio e desenvolveuse fóra do horario lectivo, implicando a estudantes de entre 12 e 14 anos. Raquel Piñeiro, concelleira de San Sadurniño que acompañou ao equipo, relata que a complexidade técnica era evidente dende o principio. “Cando a profesora se apuntou lle preguntaron: ¿Estás segura de que queres ir á profesional? Porque eu non era consciente, creo que incluso a propia profe tampouco, ata que chegamos alí e o vimos in situ”. Esta categoría esixe cumprir cun regulamento estrito, moitas veces redactado integramente en inglés, que busca emular as condicións de deseño da Fórmula 1 real, obrigando aos estudantes a manexar conceptos de aerodinámica e enxeñería que exceden, con moito, o currículo ordinario para a súas idades.
Así, mentres outros equipos contaban con infraestruturas semiprofesionais, Morriña Dynamics defendeu o seu proxecto con humildade e enxeño. “Ti vías que había stands moi evolucionados, que incluso había algúns que tiñan simuladores... eran rapaces de 17 ou 18 anos que están nos últimos ciclos, que lle dedican as asignaturas a facer isto”, expón Piñeiro.

Con todo, o que lle faltaba ao equipo de San Sadurniño en “parafernalia”, sobráballe en calidade técnica e rigor. O coche, un prototipo fabricado coa axuda técnica do IES Punta Candieira, foi sometido a un escrutinio de 40 minutos onde non se permitía o máis mínimo erro. E cumpriu. “O coche era bo, corría ben e foi o único que non rompeu ningunha peza e que non requeriu reparación en ningunha carreira”, explicou a concelleira.
Semifinais
Dos 29 equipos que loitaban por un oco nas semifinais, os de San Sadurniño conseguiron situarse no posto oitavo, superando a centros que duplicaban as súas posibilidades. A vertente económica do proxecto tamén foi unha lección de madurez para o alumnado, que tivo que buscar os seus propios patrocinios e xestionar un orzamento onde a loxística era o principal gasto. “O noso equipo gastou o 75% do presuposto en estar alí, na viaxe. Entón o diñeiro que metemos ao coche foi moi xusto”, explica a concelleira.
Esta limitación non impediu que o equipo presentase dossiers de enxeñería e de empresa “moi solventes”, acadando finalmente o posto trece no ranking global, que valora dende o rendemento en carreira ata o marketing e a sustentabilidade.
A experiencia no Jarama supuxo a culminación dun esforzo que comezou cunha reunión formal entre o alumnado e o goberno local, sen intervención de adultos, para solicitar o apoio do Concello. Ese espírito de independencia e vocación científica, que tamén se reflicte noutros proxectos do Club de Ciencias como o Cansat da Axencia Espacial Europea, é o que Raquel Piñeiro quere poñer en valor.
Para a delegación de San Sadurniño, o éxito non se mediu nos trofeos, senón no recoñecemento dos expertos e na superación de retos técnicos complexos. “Viñemos como se gañaramos, a verdade”, conclúe Piñeiro, resumindo o sentir dunha escudaría que, a pesar da súa xuventude, demostrou que o talento pode correr tan rápido como o de calquera centro de alto rendemento tecnolóxico.










