Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
San Sadurniño

San Sadurniño ateigou a finca da Cortiña nunha Feira da Plantación “espectacular”

A cita foi un éxito de ventas, con postos esgotando produtos e con ampla participación nas actividades

Feira plantación 2026
Feira plantación 2026
Daniel Alexandre
0620_wayalia_redideal_251121_carlos
0620_bonilla_redideal_251121_veronica
liceo620

A leira da Cortiña “madrugou” para acoller o que xa é, sen lugar a dúbidas, unha das citas máis multitudinarias do calendario de San Sadurniño. A Feira da Plantación acadou este domingo a súa vixésimo novena edición superando todas as expectativas, tanto en participación de postos como en asistencia de público. As colas para acceder ao lugar, que chegaron a provocar retencións quilométricas a media mañá, foron o reflexo máis visual de que a feira medra sen parar.

“Espectacular”, aseverou o concelleiro de Desenvolvemento, Manolo Varela, incidindo en que “foi unha pasada. O tempo acompañou e os postos están vendendo moito”, comentaba a primeira hora da tarde.

Feira plantación 2026
Feira plantación 2026
Daniel Alexandre

Como mostra deste éxito nas vendas, o responsable municipal apuntou un par de anécdotas. “A feira oficialmente abría ás dez, pero ás nove e media xa había xente saíndo con bolsas”, relatou por unha parte, engadindo que “a unha panadeira quedábanlle catro cousas ás 12.30 e a un queixiero, que veu preparado porque lle advertiron que se vendía moito, tamén”.

Infinidade de propostas

Así pois, as inmediacións da Fraga Máxica convertéronse durante toda a xornada nun grande escaparate de postos, con trece viveiros especializados, 34 de produtos agroalimentarios, 45 de artesanía, ademais dos destinados á maquinaria e ferramentas para o agro. E como cada ano, a feira reservou tamén espazo para entidades sen ánimo de lucro.

Máis alá das cifras, a Feira da Plantación adquiriu co paso do tempo un valor simbólico de aposta polo rural. Nun momento no que o sector busca apoiar o desenvolvemento sostible, a cita sadurniñesa é unha mostra de que o territorio ten recursos, talento e capacidade para xerar actividade económica. “É a aposta que temos, xunto coa Feira Rural, co sector primario. Estamos implicados co tema da Fusquenlla, co da apicultura... o importante é darlles visibilidade”, indica Varela.

A ampla oferta comercial foi da man, como é habitual, dun programa de actividades paralelo que mantivo ao numeroso público entretido durante todo o día. O cociñeiro André Arzúa, promotor do centro gastronómico Espazo Abella, foi o gran protagonista das demostracións culinarias, con tres sesións encadradas no programa ‘A Paisaxe que sabe’ da Deputación da Coruña, unha iniciativa que converte a gastronomía nun vehículo de posta en valor do territorio.

Feira plantación 2026
Feira plantación 2026
Daniel Alexandre

Ademais, a degustación de produtos do Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla completou a oferta culinaria da feira.

Tamén tiveron grande acollida as demostracións de arte floral, celebradas en dúas quendas, ou a busca do tesouro familiar ‘En busca dos segredos da Cortiña’, unha proposta coordinada pola Cooperativa Rexenerando, que esgotou as súas 20 prazas en cada sesión e que converteu o paseo pola leira nunha aventura para os máis cativos. O público máis curioso tivo tamén a oportunidade de coñecer a xeoloxía local a través da exposición do Xeoparque Cabo Ortegal sobre as rochas do territorio.

As ondas tamén estiveron presentes coa iniciativa de Emisoras Municipais Galegas, cun coloquio aberto que abordou o despoboamento do rural e as moitas oportunidades que existen para manter vivas as aldeas. Estivo moderado por Ana Santiago e Xosé Cendán (Radio Eume) e nel tomaron parte a experta na Axenda 2030 Raquel Piñeiro; a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, María Ferreiro; unha das promotoras do proxecto ‘Habitar o baleiro’, Claudia Morán; e a alcaldesa de Moeche Beatriz Bascoy.

Outro dos ingredientes que toda boa feira ten é a música, que nesta ocasión correu a cargo das Faíscas da Pontraga. A todo isto houbo que sumarlle os tradicionais sorteos de ramos e centros florais, aos que se podía optar coas papeletas recollidas con cada compra, e que deron opción á clientela de levar para a casa algunha das creacións florais elaboradas para a ocasión.

Feira plantación 2026
Feira plantación 2026
Daniel Alexandre

Ademais, as persoas que se achegaron á Cortiña marcharon cun agasallo entre as mans: unha bolsiña de plantas ornamentais coa que a empresa local Vivergal S.L. leva anos obsequiando aos visitantes. “É moi meritorio que un viveiro estea aportando produtos desde o primeiro momento, porque xa son moitos anos”, afirmou agradecido Manolo Varela.

Coa clausura á tardiña pechou unha xornada que quedará marcada pola masiva afluencia e o éxito nas ventas, pensando xa o Consistorio na edición do ano que vén. “Para o ano, 30. A ver que facemos”, declarou o edil, engadindo que “a ver que se nos ocorre. Sempre hai cousiñas que se lle veñen a un á cabeza”.

Feira plantación 2026
Feira plantación 2026
Daniel Alexandre
0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
PRIMERA-LINEA-620