Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Cinema

O segredo do Chanfaina Lab, 10 anos a celebrar cunha nova web para ver as estreas

San Sadurniño transfórmase cada ano nun encontro de cineastas que agora está publicando as películas da décima edición

Fotograma dun dos últimos lanzamentos, ‘Gripe aviar’, de Teño Unha Horta (o equipo composto por Carmen Bouza, Carmen Couce e Consuelo Picos), no que tamén colaborou Ángela Arnosa
Fotograma dun dos últimos lanzamentos, ‘Gripe aviar’, de Teño Unha Horta (o equipo composto por Carmen Bouza, Carmen Couce e Consuelo Picos), no que tamén colaborou Ángela Arnosa
Cedida
0620_wayalia_redideal_251121_carlos
0620_bonilla_redideal_251121_veronica
liceo620

Como o “prato único pero diverso” que pon nome ao festival do Chanfaina Lab, así son tamén as películas que se están a estrear cada venres, de dúas en dúas, nunha nova páxina web (chanfainalab.gal). Na gala deste ano sopráronse dez candeas, unha festa de aniversario na que se puido entrever unha das grandes claves do éxito desta iniciativa, que xa está cambiando de mans organizadoras a unha remesa de amadores da creación cinematográfica xenuínamente sadurniñesa.

Algo que distingue este festival doutros que se celebran por Galicia deste mesmo sector é unha filosofía pola que todas as persoas participantes gañan e, de feito, levan cadansúa Lola Chanfaineira: unha boneca-trofeo feita de maínzo que só constitúe a parte material da recompensa. O obxectivo único é crear, crear curtametraxes filmadas en San Sadurniño e crear unha comunidade que sirva para conectar creadores.

Seguindo a traxectoria de Ángela Arnosa, unha das integrantes dese novo equipo coordinador, constátase outra clave máis. Esta química de formación, doutora en Ciencia de Materiais e actualmente centrada profesionalmente na comunicación e o marketing científico, entrou en contacto co festival hai arredor de cinco anos, prestándose a facer de actriz para unha curta.

“Gustoume tanto que xa na seguinte edición decidín poñerme do outro lado da cámara”, rememora a científica, que non posuía ningunha experiencia na creación cinematográfica até que descubriu un universo máis accesible do que se adoita pensar, comezando no seu caso a gravar co móvil antes de dar o paso de mercar unha cámara. “Eu creo que se probas, repites, en calquera das actividades ou da forma que sexa”, advirte, valorando que o espírito acolledor do festival é “do máis bonito que ten”.

Tal como celebrou Manolo González, promotor da iniciativa xunto con Carmen Suárez, cumpriuse coa intención de que o festival fora xestionado por xente do ámbito local. Aínda que, segundo sinalou Ángela Arnosa, polo momento os impulsores continúan inmersos en moitas xestións, confirma que a idea é que o novo equipo se ocupe da organización ao completo para que os impulsores poidan “simplemente desfrutar”.

A remuda componse “sobre todo de rapaces e rapazas novos que xa levamos participando en varias edicións creando as nosas curtas”, todo xente de San Sadurniño que se comezou a involucrar na organización pouco a pouco até rematar por “dalo todo polo Chanfaina”, repasa Ángela Arnosa, de Naraío.

Esta amadora da creación cinematográfica grazas ao festival declara que esta proposta “é un regalo”, trasladando tamén o sentir dos seus compañeiros e compañeiras: “un encontro de cineastas deste calibre e deste estilo en San Sadurniño xa é algo espectacular e encima poder agora nós contribuír a que isto continúe... estamos que xa nin o cremos”, celebra.

Nesta décima edición deuse a casualidade de que houbo unha predominancia, con respecto a outros anos, das pezas de ficción “e moita comedia”, aínda que tamén hai algunhas curtametraxes experimentais.

Dende que se estreou a iniciativa, a evolución foi espectacular particularmente para os habitantes e o territorio de San Sadurniño, que cada ano se transforma nun punto de encontro de cineastas que non só crean, senón que tamén poden aproveitar unha programación de actividades paralelas.

“A xente local tampouco sabía que esperar diso: é tamén dar un paso complexo, poñerse detrás da cámara e participar”, explica Ángela Arnosa, referenciando que o primeiro ano de Chanfaina Lab o 100% das persoas participantes eran convidados de fóra do concello. “A partir de aí, a xente empezou a animarse” até o punto de ter superado algún ano aos non sadurniñeses, chegando incluso a acadar “case un 70%” de implicados das distintas parroquias, segundo os cálculos da organizadora, que dá conta do encanto desta práctica artística: “hai compañeiros que ven que xa é algo sanador, poder contar as súas historias”.

Unha das últimas novidades que se incluíron no festival foi a creación do Premio Bernardino de Lamas, un galardón honorífico pensado para destacar traxectorias persoais vencelladas á filosofía do Chanfaina como é o caso de Alberte Pagán, o primeiro receptor deste recoñecemento, ou o propio “cineísta” (como rexistra Manolo González na súa última obra) que pon nome á recompensa, pseudónimo do ferrolán Alfonso Piñón.

Nesta décima edición, o premio foi para Roberto Fernández, nado no Bierzo e residente dende hai décadas en Valdoviño, que foi profesor de Bioloxía en Ferrol e centra os seus filmes na natureza galega, realizando por completo todos os traballos el mesmo, agás a música.

O recentemente nacido Premio Bernardino de Lamas, que no próximo 2027 acadará a terceira edición, así como o Chanfaina Lab, teñen o futuro asegurado con este cambio xeracional na organización, dende a que xa avisan que haberá novidades destacables. En palabras de Ángela Arnosa, “o equipo de cociña xa está mans á obra”.

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
PRIMERA-LINEA-620