O proxecto fotográfico feminista “Hai que verse nelas!” está preto de pechar o prazo de reserva en San Sadurniño
As cooperativas Arabías e Illa Bufarda contan co apoio do Instituto de las Mujeres e do Concello para organizar esta proposta dirixida a mulleres a partir de 13 anos

“Hai que verse nelas!” é o nome do proxecto que terá lugar nos próximos meses en San Sadurniño, organizado polas cooperativas Arabías e Illa Bufarda, coa colaboración do Instituto de las Mujeres (Ministerio de Igualdad) e do Concello. Por medio desta iniciativa, búscase crear un grupo interxeracional de mulleres, de 13 anos en adiante, e tamén homes interesados, que traballará temas como a comunidade, as relacións e os coidados utilizando a fotografía e a creación artística en xeral, desde unha perspectiva feminista.
Este venres, ás 18.00 horas, presentarase a iniciativa no Concello de San Sadurniño, que establece como data límite para a inscrición este mércores 18, a través do correo oriana.lopez@sansadurnino.gal, ou chamando ou escribindo ao 673 903 922.
O proxecto “Hai que verse nelas!” estrutúrase en encontros de dúas horas, de marzo a outubro, comezando cunha serie de sesións de traballo con dinámicas participativas, que rematarán en abril e que tocarán temas como a igualdade, o rol histórico das mulleres ou os coidados.
As técnicas fotográficas do retrato como vía de reflexión practicaranse a partir do mes de maio e xa de setembro a outubro exhibirase o traballo das participantes grazas a unha exposición en grande formato.








