Mulleres no manicomio de Conxo, protagonistas de “As tolas que non o eran”, unha obra que chega a San Sadurniño e Mañón
Carmen V. Valiña, doutora en Historia Contemporánea e unha das promotoras de PeriFéricas, presenta o libro nun obradoiro no que se traballará con historias clínicas orixinais

Este venres 28, ás 19.00 horas na biblioteca municipal do Barqueiro-Mañón, Carmen V. Valiña presentará o seu libro “As tolas que non o eran. Mulleres no manicomio de Conxo. 1885-1936”. O texto fai protagonistas, cada unha co seu nome, ás persoas internas que reunían todos os atributos para ser condeadas ás marxes: ser muller, aldeá, pobre, analfabeta e rebelde.
A autora levará esta mesma obra a San Sadurniño o sábado 29, a partir das 11.00 na Casa da Xuventude, onde dará conta da maneira en que as institucións se aproveitaron da psiquiatría para o control das mulleres, no marco dun obradoiro polo 25-N. As persoas interesadas en participar nesta proposta, na que se traballará con historias clínicas auténticas, deberán reservar praza no correo electrónico oriana.lopez@sansadurnino.gal ou chamando ao 695 876 178.










