Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Presentación en Neda

Andrés do Barro, un ferrolán de éxito “ninguneado” e merecedor das Letras Galegas

Fernando Fernández Rego presenta o xoves en Neda o seu último libro, unha segunda biografía con material inédito que volve reivindicar a figura do fenómeno que deu orixe ao pop galego

Fernando F. Rego libro Andrés do Barro
O autor xa publicara no 2015 unha primeira biografía en castelán e agora o fai en galego e cun contido distinto 
Jorge Meis
beowner620V2
COLIMA 620v2
0620_wayalia_redideal_251121_carlos
0620_bonilla_redideal_251121_veronica
liceo620
MCDONALDS 620X50

Na Piruchela (rúa Trovador Esquío, Neda) presentarase este xoves 13, ás 20.00 e con música en directo, ‘Andrés do Barro. A xénese do pop en galego’, o libro de Fernando Fernández Rego arredor dunha “das figuras culturais máis importantes que deu a cidade de Ferrol, sen ningún tipo de dúbida, porque acada os ‘números un’ de vendas en plena ditadura, e estamos falando de centos de miles de copias”.

O biógrafo ten claro que “o pop en galego e o pop galego comezan con Andrés do Barro porque ata ese momento non houbo un fenómeno fan tan grande”, motivo polo que, incluíndose como un deses admiradores, “ségueme flipando o ninguneo que aínda hai en Ferrol coa súa figura”. De feito, Fernández Rego lamenta que na cidade natal desta estrela, non só no eido musical senón que tamén “foi unha persoa da vida pública nacional nesa época: era habitual portada en ‘Lecturas’, en ‘Semana’, en ‘Garbo’...”, unicamente se lle dedique o nome dunha rúa, e incluso se adoita descoñecer a súa orixe.

“Tanto Andrés como Juan Pardo coinciden vivindo en Ferrol dende nenos, indo ao Tirso de Molina, aínda que teñen anos de diferencia”, apunta o artífice dunha fonda investigación que, no 2015, desencadeou no lanzamento dunha primeira biografía, ‘Andrés do Barro. Saudade’, con La Fonoteca, todo un triunfo que tivo catro edicións.

Este novo volume, que ve a luz con Editorial Galaxia e “xa se reimprimiu, un mes e pico despois” da primeira publicación, constituíu unha oportunidade de sacarse a espiña e escribir o contido en galego. O proxecto nace da aparición de nova documentación sobre a vida do artista, boa parte cedida pola súa propia filla, Andrea Lapique, á que lle está “moi agradecido”. Entre o material inédito, o lector topará cartas manuscritas como as “que escribía Andrés á súa muller cando estaba de xira por Arxentina e Brasil” e fotografías facendo a comuñón ou o servicio militar en Ferrol.

“Hai moitísimas cousas, dende cartelerías das películas, a puzles, portadas de revistas... é unha loucura porque foi unha icona pop”, comenta Fernando Fernández Rego, coleccionista de todos estes elementos que, unindo forzas co arquivo da filla, no 2021 comisariou unha exposición no Torrente Ballester que volveu demostrar “que Andrés é unha figura moi querida”, xa que as 500 copias do libro-CD editadas para agasallar aos visitantes en forma de homenaxe “nunha semana voaron”.

Do Barro é unha peza clave na historia galega por ter conseguido burlar a censura “dicindo que ‘O tren’ o gravara en portugués”, pero tamén “é moito máis que esa etapa de RCA”, destaca o autor en referencia aos seus “catro números un”, a partir dos que xurdiu “un descoñecemento moi grande” que esquece, por exemplo, o período de Belter, polo que publicou cancións de xéneros tan distintos como folk country americano ou o gospel que se escoita en ‘Pra ti Xesucristo’.

Polo seu labor de compositor e letrista, por ter sido un fenómeno social a nivel estatal que chegou a protagonizar filmes e novas do corazón, e particularmente por compartir música en galego nun contexto ditatorial que o impedía, Fernando Fernández Rego reivindica a falla de recoñecementos tanto en Ferrol como a nivel galego: “Andrés merece unhas Letras Galegas e merece unha medalla de Galicia”, conclúe.

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
lacabaña620