Xigantes e Cabezudas polas rúas de Neda despois de décadas de tradición aletargada e renacida neste 2026
Oito asociacións e tres Concellos de distintos puntos de Galicia participaron este mesmo sábado nesta iniciativa do colectivo Piruchela
Había décadas que non se vían en Neda e este mesmo sábado 6 saíron por fin ás rúas de novo. A primeira edición do Encontro de Xigantes e Cabezudas, organizada polo colectivo Piruchela, marcou onte o fito de volver festexar, co protagonismo destes personaxes tradicionais, un costume que a asociación vén de recuperar na localidade, con todas as letras, xa que incluso deu a luz novas figuras co obxectivo de consolidar e facer medrar a iniciativa.
Como toda festa que se precia, o pregón marca o inicio dunha xornada de lecer, neste caso ademais cunha incalculable achega cultural. O encargado desta inauguración foi o artista multidisciplinar e artesán Luis Javier “Luchi” Iglesias, autor de importantes traballos como o grupo de cabezudos que confeccionou no 2022 por encargo do Concello de Lalín para render homenaxe ao pintor Laxeiro.
O pregoeiro actuou na Casa das Palmeiras antes do xantar de confraternidade entre as persoas participantes, punto de partida tamén do desfile, que xa comezou pola tarde.
Entre as artesanías que se luciron nesta primeira edición destacou un novo cabezudo que promete converterse nunha das figuras máis representativas do territorio, o Panadeiro, “unha creación cen por cento propia e artesanal do colectivo”.
No local da Piruchela vense desenvolvendo xa dende o ano pasado, pouco despois de constituírse e asentar no seu local da rúa Trovador Esquío, unha intensa actividade con vistas a este encontro, incluíndo tamén obradoiros abertos á participación do público. Estas xornadas de traballo permitiron que non só saíra ás rúas este personaxe “autóctono” senón tamén outros inseparables da cultura galega, como os que representaban a Rosalía de Castro e Castelao.
Participantes
As creacións da Piruchela rodeáronse das achegas das entidades colaboradoras: Concellos de Neda, Pontedeume e Betanzos, e oito asociacións de Ferrolterra, Lalín e Nigrán. Ademais da colaboración entre corporacións municipais e tecido asociativo, o encontro posibilitouse grazas a tendas, panadarías e supermercados tanto de Neda como de Xuvia.













