Día grande na memoria festiva de Ferrolterra: I Encontro de Xigantes e Cabezudas de Neda
Este sábado 6 recupérase a tradición da man da Piruchela e coa colaboración distintas entidades tanto da comarca como doutros puntos de Galicia como Lalín e Nigrán

Este sábado 6 celébrase a primeira edición do Encontro de Xigantes e Cabezudas de Neda, que organiza a asociación Piruchela co obxectivo de recuperar unha tradición perdida na comarca, á que agora se lle continúa dando vida coa creación de novos personaxes como ‘O Panadeiro’, moi vencellado á identidade da vila. Para facer realidade esta xornada, que comezará co pregón do artesán Luis Javier Iglesias ‘Luchi’ (á 13.00 na Casa das Palmeiras), o colectivo conta coa colaboración de distintas entidades que sumarán arredor de 40 personaxes.
Entre os colaboradores atópanse os Concellos de Neda, por suposto, de Pontedeume, que virá cos seus dous históricos mómaros, e de Betanzos. Así mesmo, no desfile estará representado o tecido asociativo a través das AAVV Ancos e Cuco Ruiz de Cortázar de Caranza, O Aturuxo de Melpómene, O Redondelo de Lalín, As Angustias de Nigrán e Transhumancia Sonora. Ademais, o grupo de música tradicional de Vai Rañala Meu! e a Banda de Gaitas Airiños de Fene poñerán o ritmo.
“Este evento creámolo coa intención de que medre e de facer futuras edicións máis fortes”, destaca Gonçalo Grandal, da Piruchela, amais de lembrar o chamamento que fan dende a asociación: “non perdemos a esperanza de que en algún arquivo familiar poida aparecer algunha imaxe dos históricos xigantes e cabezudos da vila e poder darlles vida novamente”.
Programación
O pregón coincidirá coa apertura da mostra de personaxes na Casa das Palmeiras e, tras o xantar para os grupos participantes, ás 17.00 sairá o desfile, percorrendo as rúas Sobrevila, Real e Subarrieiros até a praza da Rectoral, onde se parará antes de rematar no centro cívico.












