A biblioteca de Neda, á que só gaña Ortigueira en préstamos, premia aos lectores insaciables
Entre os seis recoñecementos en total despunta Delia Fojo Pérez, da categoría infantil, con 150 obras lidas no 2025

Con motivo do Día Internacional do Libro celebrado esta mesma semana, a biblioteca municipal de Neda, unha das máis destacadas de todas as públicas de Galicia polas súas cifras de préstamos, vén de premiar ás persoas socias que recolleron o maior número de exemplares durante o pasado 2025.
Un estudo da Rede de bibliotecas públicas de Galicia resalta este centro municipal de Neda pola cantidade de préstamos por cada 1.000 habitantes, situándose só por detrás dos de Ortigueira (a máis destacada das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal), Beariz e Oleiros.
O premio da biblioteca de Neda consistiu en lotes de libros personalizados, por idade e por gustos, que foron entregados polas concelleiras de Cultura e de Sanidade, Marián Bello e Margarita Díaz. Así, entre o sector adulto gañaron as socias Catalina Espinoza Nieto, Lorena Montero Novo e Patricia Castro Pita, con 146, 123 e 41 obras lidas, respectivamente.
Ademais, na categoría infantil galardoouse a outras tres persoas asociadas, que foron Delia Fojo Pérez (que despuntou absolutamente co maior número de títulos lidos incluíndo incluso ás adultas, un total de 150), Julia Romero Morgan (con 98 lecturas) e Noah Gómez Yáñez (con 91 obras emprestadas).








