O fado, fóra dos clichés: unha audición comentada por Paco Faraldo, da orixe ao presente
As portas da Piruchela ábrense o venres para escoitar máis dunha quincena de artistas que fan historia

“Fado. Mitos e ritos” é o título co que o profesor e investigador Paco Faraldo identifica unha serie de audicións comentadas, resultado da pesquisa que realizou durante a súa estadía de 20 anos en Portugal. Nestas terras afondou en como naceu esta arte, a mediados do século XIX, na súa evolución e en como chegou até o presente, un contido que dará a coñecer este venres 16, ás 20.30 horas, na Piruchela, en Neda.
“O fado nasceu um dia...”, comezaba cantar a que adoita considerarse a raíña deste arte, Amália Rodrigues, á que tamén lle adica Faraldo unha audición específica. Mais, desta volta, ofrecerá unha perspectiva máis global, remontándose a esas orixes que trataba de evocar a popular lisboeta, nunha sesión á que chama “Da Severa aos nossos dias”, polo que proxectará imaxes e cancións de todas as épocas, botando man tamén de artistas contemporáneas como Ana Moura ou Raquel Tavares.
Un dos aspectos nos que incide o investigador é na idea preconcibida que adoita interpretar “que o fado é unha cousa de chorar moito, de sufrir: historias con orfos por todos lados, amores desgraciados...”, sinala.
Non obstante, tamén apunta outros exemplos menos estendidos, como o fado reivindicativo, que se adoita coñecer como “republicano”. Este proliferou durante a ditadura de Salazar, quen chegou a penalizar e censurar esta música por servir como “canto de resistencia ante o poder político”.
Así, o encontro na Piruchela servirá para dar voz a unha realidade “máis complexa do que parece”, que nun primeiro lugar desenvolveuse nos barrios máis populares para despois pasar ás chamadas Casas de Fado, cando xa se puxo de moda entre a aristocracia, até ocupar o seu papel actual como “elemento importante do que se chama a Old Music”, relata o estudoso.
“As orixes do fado son africanas e americanas, do Brasil, unha mistura de ritmos e melodías” que deu lugar a este xénero declarado, no 2011, Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade, un recoñecemento que acredita a esta música ser obxecto de investigación, “igual que se estuda o flamenco ou a ópera”, compara Faraldo, falando dun xénero que recomenda “aparte de ouvilo, coñecer un pouco as características”.
Para acadar este obxectivo, o autor realiza unha selección de máis de 15 temas de artistas tan variados como Camané, Carlos do Carmo, Maria da Conceição, Carminho, António Zambujo, Maria Teresa de Noronha ou Mariza. A partir destas músicas, dará conta de que “o fado está rodeado dunha serie de elementos que son case relixiosos, non católicos, relixiosos no sentido ritual”, explica. Así, referencia costumes, como o silencio que se require e a maneira de entrar en escena, que se están perdendo nos lugares máis xentrificados pero que aínda se conserva nos máis tradicionais.
Percorrido
Paco Faraldo volveu a España no 2018, e dende entón leva realizadas arredor dunha quincena das súas audicións por todo o Estado en cidades como Gijón, Oviedo, Avilés, León ou Valladolid.








