Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Neda

O Día do Orgullo Neofalante comeza xa a celebrarse en Neda no instituto

Alumnado de ESO do Fernando Esquío participa hoxe nun concerto-faladoiro e a cita do sábado será na biblioteca

Os músicos Xosé Bocixa, Paco Cerdeira e Laura Romero, nunha das actuacións didácticas de Zënzar
Os músicos Xosé Bocixa, Paco Cerdeira e Laura Romero, nunha das actuacións didácticas de Zënzar
| Cedida

Outubro inaugúrase anualmente co Día do Orgullo Neofalante, unha celebración coa que se pretende fomentar os novos falantes en galego e os espazos para utilizar o idioma. Por este motivo, o Concello de Neda organiza diversas actividades durante a semana, que comezan este mesmo martes 30 no IES Fernando Esquío, onde terá lugar o faladoiro e concerto didáctico “35 anos de música en galego. A culpa foi da lingua”, a cargo do formato trío de Zënzar, a banda de rock en galego coa traxectoria máis lonxeva sobre os escenarios, de forma ininterrumpida.

Este espectáculo, que terá como público ao alumnado de segundo e terceiro curso da ESO, virá da man dos seguintes integrantes: o vocalista Xosé Bocixa, o guitarrista Paco Cerdeira (coñecido polo seu proxecto individual como Pakolas) e a baixista Laura Romero, ademais de ilustradora profesional, que elaborará un deseño en vivo.

Nesta actuación multidisciplinar, con espazo para a conversa, o cantante realizará un percorrido por distintos referentes musicais galegos, dando conta dun crecemento do panorama, amais de falar da importancia da colectividade e as relacións de amizade para a creación.

Paco Cerdeira, como retornado da emigración en México, achegará a súa perspectiva de neofalante, explicando como se interpreta a lingua fóra de Galicia e como a Comunidade se converteu en referente no eido da música infantil.

Pola súa parte, Laura Romero, a última incorporación ao grupo, leva inmersa dende 2017 en proxectos de investigación que utilizan a ilustración e o mural en tamaño reducido para visibilizar o papel das mulleres no ámbito da música galega. Ademais, asina o libro autoeditado “A culpa foi de Zënzar. 35 anos de rock en galego”, que xa veu presentar a comezos de ano no centro social Artábria.

Programa

A conmemoración continuará o sábado para os máis pequenos e pequenas, a partir das 12.00 horas na biblioteca municipal. Nesta ocasión, Raquel Queizás levará o seu espectáculo de narración oral, monicreques e outros obxectos “Seguimos medrando en galego con Nano”.

Para asistir a este encontro será necesario apuntarse antes, chamando ao 981 390 233 no horario de apertura (de luns a venres, entre as 9.00 e a 13.00 ou de 17.00 a 20.00).