Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Cultura

Santa Catalina de Montefaro e os mugardeses, máis perto aínda co novo número de Albela

A semana que vén ofrécese a última oportunidade de obter o exemplar, de balde, desta revista de temática cultural

A presentación de onte celebrouse no mosteiro de Santa Catalina de Montefaro, en Ares | Daniel Alexandre
A presentación de onte celebrouse no mosteiro de Santa Catalina de Montefaro, en Ares | Daniel Alexandre
EC

As presentacións do último número da revista Albela, que xa acadou o sétimo, continuaron este sábado no mosteiro de Montefaro, un escenario especialmente oportuno debido ao tema que trata un dos artigos incluídos e tamén porque “aínda que pertence a Ares, en Mugardos hai moita querencia por Santa Catalina”, tal como apunta Gabriela Sánchez, unha das autoras e presidenta da Asociación Cultural Apelón Educación, que edita a publicación, referenciando a historia que une estes concellos.

Cada un dos actos de presentación, aínda tratando sobre un mesmo número, é diferente, partindo de que os intervenientes van cambiando, un sistema que tamén posibilita resolvelos en menor tempo. Así, o primeiro destes encontros, que se celebrou a semana pasada no Casino Mugardés con arredor de 100 asistentes, “estaba pensado para facer fóra, na ribeira”, debido á relación co artigo “Aquel peirao. Para nós El Muelle”, do músico, escritor e sanitario Xoán Rubia.

Este autor non puido acudir á primeira cita, polo que foi un dos participantes na sesión de onte no mosteiro, motivada polo texto “Montefaro e Mugardos”, de Pedro Riera, presidente da Asociación de Amigos del Monasterio de Santa Catalina. Ademais, tamén foron protagonistas Xosé Antón Bouza Rei, que asina “Historial da Rondalla Mugardesa”, formación que tamén actuou no templo, e a propia xubilada e exdocente Gabriela Sánchez, que se ocupou do artigo “Consuelo da Redonda: a vida entre mareas”.

A pesar de que agardaban unha menor cantidade de público que na anterior ocasión, desta volta superaron o cento de persoas, incluíndo aos 40 membros da Rondalla Mugardesa, que celebran 35 anos de traxectoria, enchendo a capacidade do espazo. Seguindo a mesma liña, a próxima presentación, que será a derradeira, terá lugar no Casino Progreso, o venres 3 de outubro, motivado pola escola indiana da que fala o historiador e militar Miguel Rodríguez en “O grupo escolar Francisco Vizoso Cancela de Franza”. Como en todas as citas, agasallarase un volume aos asistentes, o único xeito de facerse con el en formato impreso.

Gabriela Sánchez lembra con humor o programa co que se elaborou “na casa” o primeiro Albela e as infindas contas que tiveron que botar para imprimir un número moi reducido de copias. Dende esta experiencia inicial, da que, de feito, a entidade apenas conserva un par de volumes, tanto o proceso como o resultado cambiou en gran medida a pesar de que continúa desenvolvéndose “practicamente sen presuposto”.

Neste sentido, a presidenta dá conta dos serios problemas económicos cos que se atopa, en xeral, calquera entidade cultural ou semellante. “A mesmiña xente que mantén a nosa sociedade é a que mantén o Casino, o Club do Mar, o Galicia Club de Fútbol, os que son asociados da Loita Contra o Cancro...”, relata, polo que a solución que adoita considerarse sinxela, de subir as cotas, non entrou nas opcións.

“Ao principio tiñamos moitísimo medo” de que a inversión de cartos e de tempo non fora valorada polo resto de socios, unha dúbida que se disipou rapidamente grazas a que “a xente nos apoiou desde o día un”.

O primeiro volume xa triunfara e o público non defraudou nas posteriores edicións, “tanto, que agora estamos sacando 400 exemplares nunha vila que ten sobre 5.000 habitantes”, destaca a presidenta da asociación. Do mesmo xeito, a pesar de nutrirse fundamentalmente de achegas altruístas, calidades como as da encardernación e do papel melloraron grazas á participación “xente moi capaz”, como pode ser César Pena, socio que colabora desinteresadamente ocupándose da maquetación.

A pesar da importante evolución da revista Albela dende os seus inicios, chegando a duplicar o número de páxinas con respecto á primeira publicación, a extensión sempre é limitada. En calquera caso, o crecente interese dos articulistas por participar posibilita que todos os anos exista un catálogo de contidos dispoñible para publicar no seguinte volume.

Aínda que “hai algún tema que non é estritamente local”, todos teñen certa transcendencia para os habitantes da zona, tal como referencia Sánchez con dous artigos: En primeiro lugar, “Altri e eucaliptos”, de Pedro Cruzado Díaz, da asociación para a Custodia do Bosque Atlántico Betula, que está recollido neste último exemplar. Por outro lado, “Incendios forestais en Galicia. Causas e consecuencias”, que redactou o biólogo aresán, de Lubre, Manuel Allegue, para o número 1, que constitúe o segundo volume publicado, despois do 0.

Contido

O número 7 de Albela loce na portada unha ilustración de Rebeca Varela, que representa o proceso de creación dunha publicación local no pasado e no presente. No interior, a editora presenta un texto que convida a pensar na vila que desexan habitar os mugardeses, “priorizando servizos básicos, cultura, deporte e coidados”.

Entre os autores tamén figuran o biólogo da confraría de San Telmo, Iván Rodríguez, o veciño da Redonda José Sousa, a bibliotecaria Fátima García Cendán, a profesora de galego Chelo Gundín, e o escritor local Carlos Neira Suárez.

Apelón Educación

O nome da revista lembra a raíz mesma da asociación que a edita, que “naceu dunha derrota”, apunta Sánchez: a de reivindicar un espazo “en condicións” para a biblioteca municipal. Aínda que a entidade propuxo o Apelón, xurdiu a alternativa de localizar o centro no cine Zárate, unha idea que “a nós tampouco nos parecía mal, recuperar un edificio emblemático” que se situaba no que antigamente se chamaba o lugar da Albela.

Así, a semente foi unha plataforma que chegou a recadar máis de 1.000 firmas para a reivindicación, un esforzo que hoxe volcan na actividade cultural propia da “moderna” biblioteca que soñou a asociación.