Moeche busca ‘polbeiro’: a concurso a concesión da nave de San Ramón
As persoas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro 18 de novembro

O Concello de Moeche iniciou o proceso de licitación para adxudicar a concesión administrativa e o uso privativo da popular nave do polbo, unha instalación de dominio público situada no recinto feiral de San Ramón. Tras a aprobación do prego por parte da Xunta de Goberno Local o pasado 23 de outubro, o Consistorio abriu o procedemento para buscar alguén que asuma a explotación deste local, destinado especificamente aos servizos propios dunha polbeira e bar.
É preciso sinalar que o establecemento conta cunha superficie de más de 300 metros cadrados, un espazo que se atopa dividido nunha zona de mostrador, unha área dedicada á atención do público e aseos. Os interesados en asumir esta xestión deberán presentar, ata o vindeiro 18 de novembo, unha oferta económica de, cando menos, 6.600 euros netos anuais –550 euros ao mes sen incluír impostos–.
As bases estipulan que os licitadores deben igualar ou mellorar esta cifra á alza e advirten de que se rexeitará de forma automática calquera proposta que se sitúe por debaixo.
A concesión inicial do contrato terá unha vixencia de dous anos, coa posibilidade de aplicar prórrogas por anualidades ata alcanzar un período máximo de catro. Nese tempo, o concesionario terá que abrir a nave, obrigatoriamente, durante os habituais días de feira de Moeche –os días 11 e 23 de cada mes–, xornadas nas que o peche poderá demorarse ata as 20.00 horas. Do mesmo xeito, o adxudicatario terá que garantir a apertura ao público durante todas as feiras monográficas e eventos especiais que organice o Concello ao longo do ano.
Á hora de avaliar aos candidatos, empregarase un baremo automático que outorgará o maior peso á rendibilidade para o municipio, asignando ata 75 puntos á proposta económica máis alta. Adicionalmente, premiarase a traxectoria profesional concedendo ata 25 puntos a aqueles perfís que acrediten o maior tempo de desenvolvemento en actividades análogas, valorando concretamente a xestión previa de polbeiras en feiras ou mercados municipais.
Todas as ofertas dos aspirantes deberán rexistrarse de forma telemática.












