Luis Sanjurjo, produtor: “Existe a crenza de que o agricultor é un cidadán de terceira e non é así”
Este veciño de Bardaos, en San Sadurniño, incide nas posibilidades que ten o sector agrícola, que vive momentos complicados pola falta de incorporación da xente nova

Luis Sanjurjo, á fronte de Fabas Sanjurjo, é un dos produtores que tomaron parte na Feira das Fabas.
Que pensa de que Concellos como o de Moeche aposten por este tipo de feiras para poñer en valor o produto local?
Eu véxoo ben, porque é un sector que ten moito percorrido pero que agora mesmo está en desuso, por así dicilo. Faltan produtores e falta man de obra.
Por que cre que falta esa man de obra? É, quizais, un problema de relevo xeracional?
Exactamente. A xente maior para de producir e, aínda que hai moito produtor de autoconsumo, que planta para os fillos ou para eles mesmos, non hai xente que venda o exceso de produción ou que teña produción para vender os excedentes.
Que se podería facer para que o sector sexa un pouco máis atractivo e que a xente nova se anime a dedicarse a isto?
É complicado, porque na agricultura parece que hai un estigma: falar de agricultura é como falar de vivir hai 100 anos, pero non é así. Do sector da agricultura pódese vivir e pódese vivir ben. Depende do que traballes, así podes gañar cartos ou non, pero é moi escravo. Ten como o sambenito colgado de que o agricultor é un "cidadán de terceira". Ademais, é moi interesante para o que traballa na agricultura vender directamente, sen intermediarios, que é o que facemos nós. Non quere dicir que sexa máis barato, que é caro polos custos de distribución, os coches, os gastos...
Cre que o consumidor é consciente de todo ese esforzo que hai detrás e valora o prezo final?
Actualmente, nos supermercados e grandes superficies o que hai que mirar moito son os pesos. Eu falo sempre, por exemplo, do pan. O pan de panadería é máis caro que o do supermercado, pero se miras o peso, aí está a diferenza. O pan que che ofrece o primeiro por 60 céntimos ten outra calidade e outro peso diferente ao dunha panadería tradicional. Pero á xente de hoxe tamén lle prima a calidade. A xente valora os produtos locais, os produtos que saben de onde veñen. Danlle un valor diferente.
Esta falta de man de obra afecta tamén a outros produtos da horta, non si?
Pasa igual coas nabizas, que teñen un prezo elevadísimo. Pero é porque non hai man de obra para collelas. Está vindo nabiza de Portugal, de cultivo hidropónico, nunha parte do ano. Iso non é normal estando na zona na que estamos, que é unha zona boa para a nabiza e para o grelo. Todo isto é por culpa do relevo xeracional e de que a xente non se anima a vivir do campo.
Que variedade de faba cultiva?
Cultivamos unha faba grande, que é parecida á de Lourenzá, a que se cultivou toda a vida en Moeche.
En canto aos métodos de cultivo, segue métodos tradicionais ou incorpora innovacións?
Planto unha pouca fóra, ao aire libre. E despois plantamos tamén no invernadoiro. De momento aínda temos unha pouca no invernadoiro que non está seca e non vale para vender.
Como foi colleita deste ano? Foi un bo ano para a faba?
Si. A campaña vai xa rematada, pero foi un bo ano. A faba foi boa, produciu ben e é unha faba bastante pesada en comparación con outros anos. Eu esta semana, por exemplo, xa non vendín fabas nos mercados para poder levar á feira.
