Os “podcasters” galegos máis populares concorren en Fene nun festival con obradoiros, charlas e música
Proxectos como Orgullo Galego ou Exército Mekemeke participan nesta primeira edición, que se celebra no Pote de Maniños

A primeira edición do Festival de Podcast, que comeza este venres 21 coa organización da Asociación de Emisoras Municipais Galegas –EMUGA–, celébrase no Pote de Maniños, en Fene. Neste encontro, que se desenvolverá en dúas xornadas, haberá un concurso, obradoiros, mesas redondas, charlas e música. Un programa completo no que participarán “podcasters” tan recoñecidos como Borxa González Castro (Orgullo Galego), Pepe Cunha (“Ábrete de orellas”) ou Carlos García Vieito (“Exército Mekemeke”).
Estes profesionais compartirán espazos con investigadores deste novo formato como Ignacio Gallego, da Universidad Carlos III de Madrid, e profesorado de distintos niveis exporá a súa experiencia na aplicación dos podcast nas aulas, como Ana Ares, vicerreitora do Campus Industrial de Ferrol, ou Santiago Veloso, responsable do proxecto Ponte nas Ondas.
Programa
Un dos principais atractivos para o público son os obradoiros, que comezan na mañá do venres, ás 10.00 horas, con “Do micrófono ao feed: como difundir o teu podcast en redes”, da man de Silvia Alende (Actual Comunicación), e seguirán con Laura López, Lorena Penas e Pepe Cunha, que ensinarán a utilizar ferramentas como a IA, a conectar coa comunidade e a elaborar un podcast propio.
Haberá tamén mesas redondas, que se estrean coa moderada por Eva Mazás, xornalista de Diario de Ferrol, sobre medios de comunicación dixitais, este venres ás 12.30.
Xurxo Souto (“O heredeiro en Galicia, sitio distinto”) pechará o programa deste primeiro día, a partir das 20.00. O sábado o festival rematará antes, á 13.30, coa entrega de premios do I Concurso de Podcast EMUGA, no que compiten máis de 20 proxectos en galego. Todas as actividades están detalladas, así como os horarios, na páxina web festivaldepodcast.gal/programa.




















