Mercedes Peón actúa en Fene, homenaxeada na XXXVII Xuntanza de Gaiteir@s
Cinco proxectos musicais, incluído o da artista de Oza, subirán a escena este mesmo sábado

A Xuntanza de Gaiteir@s 2025, que organiza Airiños de Fene dende 1989, celebra a súa XXXVII edición este sábado, a partir das 19.30 horas, na SCRD Agarimo, na parroquia de Sillobre. Nesta convocatoria renderase homenaxe á compositora, instrumentista e cantante Mercedes Peón, que se inclúe no programa xunto a outros catro proxectos.
Xirifeiras, Pandeireteiras da Asociación Cultural Raigañas, Xerfa e por suposto, Airiños de Fene, a agrupación anfitrioa, completan coa protagonista desde ano o cartel que estará conducido por Ana Fernández.
Nesta ocasión, a homenaxe trata de recoñecer a extensa traxectoria de Mercedes Peón, que comezou a percorrer pobos e vilas cando aínda non cumprira os 18 anos, para facer recolleitas do canto e a música tradicional que se conservaban e transmitir o coñecemento ás novas xeracións. Foron preto de 20 anos os que dedicou ao ensino en escolas municipais.
O percorrido levouna a ser considerada hoxe como unha das músicas máis carismáticas, que pasou de afondar na tradición para propoñer, xa neste século, un son atmosférico persoal próximo ao electroacústico.










