Dentro do “Vestiario” de Paula Currás Prada, o non-humano “fala” de nós
O XXXVIII Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé é para esta profesora universitaria e investigadora, que recibirá o galardón o próximo sábado 22 no CMI Unidade de Fene

Animais e obxectos, como pode ser a roupa, conviven nunha dimensión non-humana que Paula Currás Prada utiliza de ponte para expor temáticas propias do plano das persoas, como as guerras, a crise da vivenda ou a violencia. Esta é unha das claves de “Vestiario”, a obra gañadora do XXXVIII Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, que a autora de Cambre recibirá o próximo sábado 22, nun acto que terá lugar no local do CMI Unidade de Fene.
O galardón do coñecido como O Segrel do Penedo consistirá non só nos 3.000 euros en metálico, senón tamén na edición do texto na colección de poesía Espiral Maior, que constituirá o primeiro poemario de Paula Currás Prada no mercado. Despois de presentarse a distintas convocatorias con outras propostas, “Vestiario”, unha obra na que levaba traballando dous ou tres anos, foi a elixida por “un dos premios de referencia, sobre todo para a xente que estamos comezando, porque só te podes presentar se non tes ningún libro individual de poesía publicado”, lembra a autora, que adoita inspirarse nos seus estudos para a creación.
“O que escribo sempre vai da man do que investigo, e nese momento eu traballaba a presenza dos obxectos, en concreto, na poesía norteamericana”, relata Paula Currás Prada. De feito, dentro dos versos interésase polas “presenzas non-humanas en xeral” e, aínda que podería ter escollido calquera outra clase, desta volta foron os universos da moda e o animal.
Así, xa no título se advirte que a intención é xogar con estes dous últimos termos nas súas versións de conxunto: o “bestiario” e o “vestiario”, motivo polo que o libro se separa na metade, dedicando unha parte a cada un destes recursos. “A través desas entidades non humanas seremos capaces de acceder a asuntos puramente humanos”, conclúe a galardoada.
Perfil
Paula Currás Prada leva escribindo versos practicamente dende que puido: con seis anos xa lembra ter feito “a primeira cousa que se pode definir como un poema” e a partir dese momento non parou de crear, aínda que si descansou de presentarse aos concursos nalgunha etapa, durante a carreira, unha práctica que acaba de volver retomar. Entre os seus últimos triunfos destaca a segunda posición no Díaz Jácome 2024, de Mondoñedo, con “Diseccionar a tinta”, e o XXXI Premio Literario Xoán Díaz 2025, de Cambre, con “Museo de historia artificial”.
Esta filóloga inglesa, titulada cun dobre grao pola Universidade da Coruña e a University of South Wales, que agora imparte clases desta lingua e literatura estranxeira na UDC, escribe tanto neste como no seu idioma. Non obstante, nos últimos tempos colleu predilección polo que é requisito imprescindible neste Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé: “Gústame máis centrarme no galego; tamén considero que é máis coherente para min, como galega, intentar estar no panorama noso e non tanto no de lingua inglesa”, valora a creadora.
Tal como demostra o caso de Currás Prada, o profesorado inflúe enormemente nos gustos, e o que lle tocou a ela levouna polo camiño do doutoramento en Poesía norteamericana, unha vez namorada deste mundo a través de poetas confesionais como Sylvia Plath e Anne Sexton para despois pasar á literatura experimental. De feito, a temática da súa tese é unha das principais disciplinas nas que investiga a día de hoxe, focalizando na feminista.
Certame
A directiva do CMI Unidade de Fene constituíu este premio en 1987 na honra do Segrel do Penedo, o nome co que se coñecía ao activista cultural e poeta popular Pérez Parallé, nacido en Canido e finado en Barallobre. Así pois, neste concello lémbraselle non só co galardón, senón tamén coa denominación da biblioteca municipal e cun dos bancos dedicados a grandes persoeiros galegos no monumento ao Camiñante Descoñecido, inaugurado no 1934 por Otero Pedrayo.
Nesta XXXVIII edición, o xurado que seleccionou a Paula Currás Prada estivo integrado, en primeiro lugar, por Xosé Carlos Carracedo, gañador deste galardón no 2023. Ao ano seguinte gañou o premio Exeria, que lle posibilitou unha bolsa para desenvolver un proxecto literario na Toscana italiana. Nos seus títulos figuran “Somos de Arxerís”, “Diario dun confinamento” e “Utensilios de cociña e algúns obxectos caleidoscópicos”.
Lucía Aldao, a poeta e escritora coruñesa que firma “Todo isto antes era noite”, editado por Apiario, foi outra das responsables da deliberación. En paralelo, destaca como narradora oral e performer, así como a traxectoria como cantante e compositora, que neste momento se centra no proxecto persoal Pava.
Rematando cos tres membros do equipo, o xurado contou coa poeta e creadora artística viguesa Silvia Penas. Cun forte interese na poesía escénica e outras especialidades efémeras, publicou obras como “As uñas crecen”, “Diario de ladras, bailarinas, asasinas e flores” ou “Retratos de vodas, partos e funerais”, despois de ter editado en coautoría con Elvira Ribeiro “Biografía da multitude”.






















