Eloy Seijas, de Queixo Fresco Sillobre : “Os comezos foron durísimos, montamos a empresa desde cero”
Xunto coa súa muller Alejandra Romero, animouse a crear hai un ano unha marca que non para de medrar na comarca grazas ao “boca a boca”

Eloy Seijas é un dos impulsores da feira que este sábado se estreou na comarca, en Sillobre.
Como xurdiu a idea de organizar este evento?
Pois xurdiu un día que llo comentei eu á sociedade Agarimo. Díxenlles que era unha pena, co local que temos aquí e o adro da igrexa, que non se fixese unha feira do queixo. Eu só non podía, porque temos moitísimo traballo, pero díxenlles que se me botaban unha man, faciámola.
O obxectivo é pois dinamizar un pouco a parroquia, non?
Exactamente. Nós facémolo para visualizar Sillobre. É un pobo que merece a pena visitar e, se non hai eventos, a xente non ten nada a que vir aquí. O sitio é marabilloso, hai moito espazo arredor da igrexa, hai aparcamento e temos o local de Agarimo á nosa disposición con servizos, electricidade, auga... Témolo todo.
Falando do voso proxecto, Queixos Frescos de Sillobre, levan xusto un ano con el. Como decidiron emprender esta aventura?
A min a gandeiría sempre me tirou, nós xa tiñamos vacas de carne. A historia é que tiñamos unha vaca que daba moito leite e estábamos dándollo aos poldros. Unha veciña, Hermitas, que sabía facer queixos, díxonos que era unha pena e que lle levásemos o leite, que quería facer un queixo. Fixo ela un, e outro, e outro... e despois ensinoulle á miña muller, Alejandra. E púxose a facelos ela.
Pero tiñan outro traballo cada un, estable. Por que dar o salto?
Polo de sempre. Nos traballos xa sabes como é: un día enferma o neno, outro tes que ir buscalo ao cole... Sempre estás así. Queriamos ter a liberdade que tes cando tes un negocio na túa casa, que ti administras o teu tempo.
Despois dun ano, valeu a pena? Os comezos seguro que non foron doados.
Os comezos non foron duros, foron durísimos. Nós non herdamos nada. O 99,9% das ganderías que quedan hoxe son relevos de pais e avós. Nós montamos todo de cero.
Sen ningunha axuda? Iso ten o dobre de mérito...
Non cobramos ningún tipo de subvención. De feito, iamos solicitar este ano a axuda á incorporación para Alejandra como muller gandeira. Pero a Xunta sacou as axudas en xuño, cando as tiña que sacar a primeiros de ano, e Alejandra cumpriu os 41 anos en marzo. Quedou fóra. E eran case 60.000 euros...
Así que tiveron que financialo todo vostedes...
Tivemos que pagar todo nós, traballando 15 ou 18 horas diarias moitas veces. Compramos o tractor, a maquinaria... e compramos a casa! Que non tiñamos nin casa. Todo o que temos foi comprado por nós, sen axuda de ninguén. Levamos traballado moitísimo por isto.
Pero a xente responde ben, gústalle o seu queixo...
Si, a verdade é que si. Para nós é unha satisfacción, despois de todo o que traballamos, ter este éxito. A nosa publicidade foi a xente, o boca a boca. A xente que comprou un, despois viñeron os amigos, os veciños, os primos... Facémolo con moito esmero e moito cariño, e iso ten que dar os seus froitos.
Para quen non o probou aínda, que ten de especial o seu queixo?
Recorda ao queixo que che facía a túa avoa. É o que vas sentir. Nós estamos facendo o mesmo, só que cos controis sanitarios que nos esixen hoxe en día.
Que supoño que son moi estritos.
Claro. O leite vai analizado, o queixo tamén. Temos controis sanitarios do local, veñen e revisan ata a auga da casa. Temos que ter un clorador na auga, produtos para esterilizar todo... Estamos manipulando alimentos, non é unha broma. Por iso moitas veces din "é que fulanita tenos máis baratos". Claro, pero nós damos unhas garantías que outras persoas non poden dar.
Onde se poden mercar os seus produtos?
Facemos servizo a domicilio, temos un furgón de reparto como Deus manda, refrixerado para que o queixo non teña cambios de temperatura, que iso repercute no sabor. E tamén estamos no pequeno comercio. Servimos a todas as cooperativas do Val , ás de Meirás e despois en tendas pequenas.
