Sandra Permuy, alcaldesa: "Pretendemos darlle un pouco de pulo a Fene. Temos lugares extraordinarios e marabillosos”
A rexedora fai fincapé na importancia do novo contrato de conservación e limpeza de espazos verdes

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, fai fincapé na importancia deste novo contrato que o Concello ten en fase de licitación. Suporá cambios importantes na estética da localidade e no mantemento dos espazos verdes.
Que motivou ao Concello de Fene a preparar este novo contrato?
Cada vez temos máis zonas axardinadas e por iso decidimos sacalo a contratación, para complementar o traballo que viña facendo o persoal municipal que, aínda que era bo, non chegaba a cubrir todo. En San Valentín, por exemplo, Costas xa nos cedeu unha parte importante da zona do paseo e cada vez son máis áreas verdes que manter, parques infantís... Tamén os lavadoiros e fontes, que estamos moi interesados en recuperar e poñer en valor. Queriamos que os nosos traballadores tivesen unha dedicación máis dirixida aos camiños rurais, para manter ademais esa zona. O obxectivo é ter un Fene bonito.
Cantas persoas se ocupaban até o de agora deste tipo de tarefas?
Sobre unhas catro. Agora mesmo están facendo as podas, o que supón tamén un aforro importante para o Concello. Pero esas tarefas de xardíns, de alcorques, de limpeza de bordos... nos que hai moitísimo que amañar, non están cubertas ao mesmo tempo. A idea é ir dando pasos para ter todo baixo control e contar cun Fene moderno.
A idea é ir dando pasos para lograr ter todo baixo control e contar cun municipio máis moderno
Van notar os feneses un cambio a nivel estético?
Esa é a idea, que se note que hai mantemento, por exemplo, nas flores de tempada. Até o de agora, non dabamos feito a plantar todo o que nos gustaría. Desta maneira imos ter un continuo cambio e, desde logo, pensamos que será para mellorar. Outro exemplo serían os restos de follas, que moitas veces se fan complicados de recoller. Con este novo contrato buscamos ter as nosas rúas, as nosas cunetas ou os nosos rexistros limpos para que, cando chege a época de chuvias, estea todo mantido e coidado para evitar na medida do posible as inundacións. Tamén se vai percibir no mobiliario urbano: na limpeza de mesas, de bancos ou da cartelería que moitas veces queda sen retirar. Todos estes temas están incluídos no contrato. Servirá para quitar o feísmo, por dicilo dalgunha maneira.
Se a todos estes cambios lle sumamos a nova iluminación e rede semafórica, o cambio vai ser máis que notable...
Iso é o que pretendemos: darlle un pouco de pulo a Fene, que para nós é moi bonito. Temos un concello con lugares extraordinarios e zonas marabillosas, polo que queremos poñelas en valor. Temos un Camiño de Santiago que pasa polo noso municipio e buscamos que os pelegríns que pasan por aquí a diario cheguen a Fene e queden, que vexan que somos unha localidade moderna que avanza pouco a pouco. É certo que aí atrás tivemos moitos problemas coa rede de semáforos, porque algúns deles tiñan 50 anos, e tivemos moitas críticas porque estaban en ámbar. Os novos quizais non son tan modernos como algúns quixeran, pero son bos. No caso da iluminación vai ser un cambio importantísimo, cun aforro do 88% na factura da luz. Vanse ver moitas zonas beneficiadas, de feito, nalgunhas xa se cambiou e nótase moitísimo.

