O eclipse ten banda sonora de DjMil, a sesión en vivo que recupera o gusto por misturar “jazz co carácter do hip hop” en Cedeira
O que foi productor para grupos con tanta sona como Tanxugueiras e Dios Ke Te Crew abrirá o Jazz de Ría en San Antón de Corveiro

Quen desexe achegarse ao amplo universo musical que inclúe o concepto de DJ pode comezar pola espectacular oportunidade que ofrece este ano a primeira actuación do Jazz de Ría, coincidindo co eclipse, no miradoiro de San Antón de Corveiro, en Cedeira. A sesión de DjMil, que precederá ao concerto de Xabier Díaz en formato cuarteto, promete contentar practicamente todos os oídos, incluso os máis afastados do seu traballo que, amais do seu proxecto en solitario, tamén desenvolve como integrante do trío compostelán Lumedoloop.
A identidade de DjMil como proxecto foise cocendo “de forma indirecta cos anos”, dende a primeira competición de DJs na que participou, no 2009, pasando polas residencias en locais tanto do seu Santiago de Compostela natal como fóra do termo estatal, até a fundación de WAX Cultura Dj, que amais da comercialización de material especializado dedícase á formación neste eido.
“Un dos meus referentes a nivel artístico” é Kid Koala, que, “aparte de DJ é multi-instrumentista”, destacou o creador, lembrándose de “proxectos que son auténticas tolerías” como o que realizou o canadense nun planetario. O compostelán, que pode presumir de actuacións tan singulares como a que compartiu coa Real Filharmonía de Galicia no Gaiás, tamén ofrecerá unha sesión na que a música se crea en directo, desta volta sen máis decorado que un espectáculo astronómico real.
Para a ocasión, e deixando á marxe numerosos compoñentes artísticos, “vou intentar incorporar todos eses elementos” do xénero ‘rei’ do Jazz de Ría, explica, “pero dando ese toque dun DJ de hip hop”. Non obstante, o eclipse queda nun segundo plano para o protagonista, que ten “moitísima ilusión” por participar nun festival que lle devolve a oportunidade de misturar “jazz co carácter do hip hop”, tal como fixo no Pandora Jazz da Casa das Crechas.
En calquera caso, o disc-jóckey non esquece os seus inicios naqueles campionatos de técnica e continúa disfrutando dun xénero que o veu nacer como artista. De feito, este domingo participará na final ibérica de DMC, “unha das competicións con máis percorrido”, no Marisquiño.
Así mesmo, o día anterior subirá ao escenario do DesOrdes Creativas, en Ordes, con Lumedoloop. “O que máis disfruto, realmente, é poder facer música con Jamas e con Møu porque son xente que admiro moitísimo dende fai moitos anos”, valora DjMil, referíndose ás voces e produtor deste proxecto, respectivamente, no que o DJ ocúpase de enfiar todo o espectáculo en directo.













