Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Cedeira

Sara Villar (Mestas LGTBIQ+): “Creo que estamos nun momento social perigoso”

Falamos cunha das voces da asociación cedeiresa para coñecer mellor o labor que fan dende a entidade e a súa opinión sobre a realidade que está a vivir todo o colectivo

Mestas cedida 2
Mestas LGTBIQ+ organiza actividades moi variadas, todas elas vinculadas ao colectivo
Cedida
0620_wayalia_redideal_251121_carlos
0620_bonilla_redideal_251121_veronica
liceo620
MCDONALDS 620X50

Seis persoas da comunidade Lgtbiq+ de Cedeira, de entre 25 e 36 anos, decidiron no 2023 unir forzas para darlle máis cor á vila coa posta en marcha de actividades que axuden a visibilizar o colectivo e garantir un espazo seguro e inclusivo na localidade. De feito, levan dende ese ano organizando o Día do Orgullo, ‘Cedeira Queer’. Co obxectivo de coñecer mellor os seus proxectos e profundizar na realidade que viven, falamos cunha das súas directivas, Sara Villar.

Como xurdiu Mestas?

Atopámonos de casualidade hai tres anos, nunha actividade do Concello. Non nos coñecíamos algúns de nós, empezamos a falar, e organizamos o orgullo dese ano con tres días de actividades; todo, obviamente, do noso peto, cos poucos recursos que tiñamos. A partir de aí, que funcionou súper ben, tiveron moi boa acollida as actividades e tamén funcionou entre nós tamén, así que decidimos que queríamos darlles continuidade. Ser unha asociación, que non se limitase á celebración do orgullo, senón unha planificación anual para fazer outro tipo de actividades que non só fosen festivas.

Cales son os vosos obxectivos?

Visibilizar as realidades queer, tamén nos espazos non urbanos. Ademais, facemos actividades de divulgación para dar a coñecer libros e diferentes cousas relacionadas co colectivo.

Que tipo de iniciativas levades a cabo dende a asociación?

Pois un pouquiño de todo. Fundamentalmente, presentacións de libros, como o primeiro libro sobre bisexualidade en lingua galega, outro da historiadora Daniela Fernández sobre a memoria trans. Despois charlas máis divulgativas, como, por exemplo, no Orgullo do ano pasado –‘E iso de queer que é?’– para explicar algúns conceptos. Cousas máis festivas, como a festa de onte –coa performance de Nelu Vermouth e unha actuación de varias drags–. O sábado da semana pasada organizamos o segundo concurso de tortilleiras, na celebración da visibilidade lésbica galega. Tamén fixemos recitais poéticos, contacontos infantís...Un pouco de todo.

Como é a vida dunha persoa do colectivo nunha vila como esta?

Non son de Cedeira; levo catro anos aquí, entón pode que a miña realidade sexa diferente a de personas que si que é o seu entorno. Non tivemos ningún tipo de conflicto. Ademais, as actividades son moi ben acollidas, pero vemos que faltan referentes e modelos das vidas non normativas. E por iso é importante que estas cousas non só acontezan nas cidades, nas que as persoas son máis anónimas, senón nos espazos pequenos, onde hai que ir sentando o precedente e constituindo referentes para amosar que estas vidas son posibles.

Como vedes a situación dos delictos de odio ao colectivo?

Creo que estamos nun momento social perigoso, no que se está retrocedendo en certas cousas e no que a diversidade e saír da norma se está vendo como un perigo. A normalización de certos discursos fascistas están facendo que ás persoas disidentes se nos cuestionen moitas cousas e que se estén poñendo mesmo en dúbida os dereitos humanos, a que as persoas digamos libremente as nosas identidades e sexualidades. Hai un interese por parte de certo sector reaccionario na política de ir en contra das liberdades sexuais e, ao mesmo tempo, de deslexitimar as nosas loitas. Como hai certos dereitos sociais adquiridos, pois pretenden deslexitimar as queixas e invisibilizar as agresións.

As redes sociais está axudando a paliar esa situación?

Teñen un pouco as dúas caras da moeda, porque son un espazo de seguridade no sentido de crear comunidade, de visibilizar, de facilitar referentes para moita xente pensando moito sobre todo en persoas adolescentes que quizáis no lugar onde viven ou na súa contorna máis próxima non ven certas cousas; pero ao mesmo tempo é un nicho para verter todo o odio de moitas persoas que, ademais, se esconden no anonimato, en moitos casos.

O Congreso dos Deputados aprobou o pasado xoves penalizar con entre seis meses e dous anos de prisión as terapias de conversión. Que vos parece a noticia?

A medida parece obvia, é un pouco ridículo, pois é o lóxico nun estado de dereito e nunha democracia, pero o que nos parece é indignante, vergoñento e preocupante é que isto se levase a cabo pois coa abstención do Partido Popular e coa votación en contra de Vox, que son partidos que están dentro do xogo democrático en teoría están negando dereitos humanos.

De que xeito poden apoiar ao colectivo as persoas alleas a él?

O primeiro paso é entender que as cousas non nos teñen que afectar directamente para que nos importen. Podemos ser antirracistas aínda que non sexamos unha persoa racializada. Do mesmo xeito, aínda que non pertenzamos ao colectivo ou a certos grupos, en primeiro hai que estar informadas. Desde a práctica cotiá, non dar por suposto que todo mundo é heterosexual, cuestionarse, preguntar e respectar evidentemente a identidade de todo o mundo, as orientacións, as prácticas e todo iso, pero hai que ter ese interese en querer estar informada. E despois, dun xeito máis evidente, asistir a actividades –que tamén é formarse– e participar. Ir á festa do Orgullo porque non chamamos só as persoas do colectivo; aquí é benvide todo o mundo.

Algún consello para quenes estean descubrindo a súa identidade ou orientación sexual?

Que busquen persoas ás que achegarse e espazos nos que poidan sentirse seguras e libres.

Tedes algún proxecto previsto para os vindeiros meses?

Non, despois do Orgullo pararemos para ter un pouquiño de descanso e, en setembro, retomaremos a programación. Normalmente intentamos facer unha actividade ao mes, intentarémolo seguir facendo así.

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
PRIMERA-LINEA-620
lacabaña620