Xurxo Antelo e Daniel Lanero presentan ‘Más vale fortuna en tierra que bonanza en la mar’
O acto será o xoves 23

‘Más vale fortuna en tierra que bonanza en la mar: franquismo y vivienda social para pescadores en Galicia’ é o título da obra que este xoves 23 chega á Alianza Aresana da man dos seus autores, o doutor en Historia Contemporánea Xurxo Antelo e o profesor titular do departamento de Historia Daniel Lanero, ambos da Universidade de Santiago de Compostela. O acto contará coa presenza da edila de Cultura Alma Barrón e permitirá afondar na vivenda social que se edificou durante o franquismo para os mariñeiros.
Como indican dende o propio Concello de Ares, organizador do evento, o volume non se limita a este contido, senón que a vivenda serve de fío condutor dun obxectivo maior “recuperar e poñer en valor a memoria laboral, social e política deses mariñeiros, das súas familias e comunidades, a través da reconstrución das súas historias vitais”.
O libro trata, así, de asuntos como a vida cotiá, as experiencias laborais dos homes e mulleres dos sectores pesqueiros ou os lugares de sociabilidade que tiñan, ao tempo que analiza a intervención do rexime de Franco nas súas condicións materiais: xestión dos ingresos, formación, vivenda familiar ou do control do tempo de ocio.








