O Samaín chegou a Ferrolterra: festas por toda a comarca para recibir quentes o frío e a escuridade
Citas tan senlleiras como a de Cedeira e outras como as de Neda ou San Mateo cumpriron coa noite sagrada de onte
Foron moitas as celebracións que se aprazaron estes días por todo o Estado, por mor do accidente ferroviario de Urda, en Toledo, que deixou a pasada noite de Samaín con contadas xuntanzas e outras pendentes para a próxima semana. É o caso, por exemplo, dos programas que tiñan previstos os Concellos de Mugardos, Ares ou Pontedeume, os tres adiados para o venres 6. Non obstante, outros se desenvolveron o sábado 31 con normalidade, do mesmo xeito que ocorrerá este domingo 1 en encontros veciñais como os que organizan a nova comisión de festas de Xuvia ou o Halloween da AVV Ferrol Vello.
A convocatoria que propón a Asociación de Amigos do Samaín en colaboración co Concello de Cedeira, dende que se comezou a recuperar a tradición no 1989, foi unha desas citas que cumpriron con esta data, reservando para o final o popular pasarrúas de pantasmas. Esta actividade atrae todos os anos a pequenos e maiores, que dende a praza da Marieta e pola rúa Real se divirten con sustos á maneira tradicional, ás escuras, con lanternas e candeas, deixando a un lado os disfraces de plástico e collendo as sabas vellas da casa.
Neste programa incluíronse distintos atractivos para os nenos e nenas, como pode ser a actuación do venres de Xoán Curiel coa Banda do Verán. O grupo presentou ‘A Casa do Terror’, do mesmo xeito que fixo onte na pista polideportiva de San Mateo. Este é anualmente o escenario do Samaín de Trasancos que organiza o Padroado da Cultura de Narón coa agrupación veciñal da parroquia, onde, entre outras actividades, tamén se realiza un paseo arrepiante que lembra a lendas como a da Santa Compaña, baixo o nome en versión pagana de Comitiva das Luces e Tebras.
Unha proposta parella do Concello de Neda é a Senda das Ánimas, que este ano contou con máis de 400 persoas inscritas e estreou un novo formato, mantendo o concepto de roteiro con escenas teatralizadas. Desta volta, no percorrido de terror incorporáronse unha serie de probas que debían superarse para poder avanzar pola rúa Real, que estivo especialmente decorada para a ocasión. Ao mesmo tempo, na zona da Casa das Palmeiras servíronse castañas asadas e bolos preñados, elaborados a base do tesouro gastronómico da vila, para celebrar o Magosto.
Por outra banda, tamén saíron ‘de procesión’ por Canido as persoas participantes no Día de Mortos e Samaín, unha xuntanza que cada ano celebra as semellanzas e diferenzas entre tradicións irmás, por iniciativa de Brincarmos, Artábria, Muíño do Vento, a AV, Movilidad Humana, Fiada e a SRD Canido, en cuxo local rematou onte a festa.
Por suposto, o tecido asociativo de Ferrolterra tamén convocou outros encontros na mesma xornada, como é o caso da Agrupación Instutiva de Caamouco ou do CIRS de Cervás, que conta con outro Roteiro das Ánimas particular. Así mesmo, onte celebraron o Samaín a Asociación de Mulleres Rurais Río d’Aneiro e a AVV Val de Esmelle (Ferrol), onde nesta mesma tarde continuará a actividade, no local social, ás 18.30 horas, cunha nova cita vencellada aos ciclos naturais, a Esfolla do maínzo.
Do domingo en diante
Na AVV Ferrol Vello, en cambio, optaron por organizar unha festa de disfraces de Halloween este domingo 1, de 16.00 a 20.00 horas, que incluirá unha chocolatada e servizo de cafetaría, ademais de animar a participación da veciñanza propoñendo visitar un faiado de espanto.
Tamén haberá troula este domingo no local da AVV de Xuvia, onde a nova comisión das festas de Santa Rita organizou unha comida popular de Samaín (cun menú con previa reserva). Non faltará a música durante o vermú e os sorteos para atraer á xente máis comprometida coa vida na parroquia, que grazas ao traballo dunha ducia de persoas recuperará a celebración da patroa, do 21 ao 24 de maio.
Ademais, este domingo 1, a partir das 17.00 horas, desenvolverase a celebración do Rueiro de Ares, incluíndo unha ‘rueirada polo pobo’ para ir animando unha foliada e a preparación dunha queimada, por suposto, con conxuro.
Por parte dos Concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, aínda quedan por celebrar seis encontros máis, despois de que outros como os de Monfero ou de Cariño seguiran onte as súas previsións, cun Magosto no mosteiro e Samaín no mercado municipal, respectivamente. Unha destas propostas é a do luns 2 na Casa da Cultura da Capela, a partir das 17.30, cos ‘Contos de medo que deixan durmir’ da man de Caxoto.
En Ares, o Samaín celebrarase na praza da Constitución (no caso de choiva, na pista cuberta do CPI As Mirandas), a partir das 17.00 horas do venres 6, igual que terá lugar o Magosto en Mugardos, no mercado municipal, de 18.00 a 20.30. Así mesmo, o programa ‘Pontedeume, Vila das Lendas’ estrearase nesta data e prolongarase até o domingo 8, cando se desenvolverá a festa de Cerdido no pavillón municipal, dende as 16.30.











