O público adulto estrea este 2026 o VIII Festival de Entes Animados
Este sábado 12 comeza en Canido, cunha obra de Valle Inclán, este evento internacional que acada en total oito concellos
Sete concellos de Ferrolterra acollen a oitava edición do Festival Internacional de Entes Animados, unha proposta que se desenvolverá entre este sábado e o domingo 27, e que onte foi presentada na Casa da Cultura de Neda por un colectivo tan diverso como é a organización. Representantes dos diferentes gobernos municipais sentaron xunto a directivos de asociacións para convidar á veciñanza de todos os territorios a aproveitar este encontro singular, que por segundo ano consecutivo vai ilustrado cun cartel deseñado polo propio director artístico, Plamen Dipchikov.
Esta cabeza pensante, fundador da asociación cultural Titerario, comparou o nacemento e construción dun monicreque co dun festival, nos que a mirada é determinante. Neste caso, unha vez posto o obxectivo no “público predilecto”, pódese “subir un nivel más gracias al interés que han presentado este año de la Asociación de Canido”. Así, consolidado como un evento dirixido a familias, “con espectáculos que interesan tanto a los pequeños como a los padres”, nesta convocatoria innóvase ao comezar cunha función nocturna para adultos, “una producción muy arriesgada” baseada nunha obra de Valle Inclán, con “marionetas de varilla e hilos”.
“Temos nas mans, nunca mellor dito, un proxecto que hai que coidar”, destacou o alcalde de Neda, Ángel Alvariño, que exerceu de anfitrión na presentación dun evento que “nos sitúa no mapa cultural do arranque do outono”. Tamén deu conta de que o programa de 20 actuacións en total “contribuirá a espertar o interese nesta disciplina”, tal como leva facendo desde o inicio, conseguindo a día de hoxe un público fiel, con familias que incluso repiten espectáculos, tal como apuntou Dipchikov.
Os obxectos que se volven animados suscitan intrigas tamén entre os propios membros da organización, particularmente tras presenciar as demostracións que adoita facer cada ano nas presentacións o director artístico, que “cando fala vive os títeres”, expresou a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro. Ela foi quen suxeriu completar nun futuro o festival con algún obradoiro de creación de monicreques, unha idea secundada por outras representantes como a concelleira de Promoción Económica de Fene, Ángeles Coira.
Escusada a ausencia da representación do Concello de Ares, no acto tamén interviron os edís Arán López, de Festas de Ferrol, e Marián Bello, Tamara Sabín e Catalina Morado, das áreas de Cultura de Neda, Valdoviño e Miño, respectivamente. Ademais, participaron o presidente da Asociación Veciñal de Canido, Roberto Taboada, e Javier García, secretario de Apelón Educación, esta última, a que levará unha función a Mugardos.
Colexios
No programa inclúense ademais tres espectáculos exclusivos para escolares, que terán lugar polas mañás nos CEIPs de Pazos e A Laxe, en Ferrol, e na Casa da Cultura de Valdoviño.
Compañías de Arxentina, Brasil, Dinamarca, Galicia, Portugal e Reino Unido, en 7 días
O VIII Festival de Entes Animados comezará este sábado 12 no centro cívico de Canido, ás 21.00, con ‘A Rosa de Papel’, a cargo da única compañía galega participante, Títeres Alakrán. A esta seguiranlle outras de orixe portugués, británico, arxentino, brasileiro e danés, até o domingo 27.
A primeira función escolar dará continuidade ao evento o venres 18, no CEIP A Laxe da parroquia ferrolá de Valón, onde o colectivo luso Historioscopio Teatro levará ‘A galinha dos pitinhos de ouro’. Esta peza tamén se representará o mesmo día na ACRD Agarimo de Sillobre (ás 20.00), e o sábado 19, no local social A Pombiña de Pedroso (13.00) e no Casino Mugardés (19.00).
Esta é unha das peticións dos concellos de volver traer propostas que deixaron pegada, do mesmo xeito que ocorre con Drew Colby (Reino Unido) que, con ‘Quen é o señor sombra?’, estará o venres 18 no centro cívico de San Xiao (19.00), así como o sábado 19 na Casa da Cultura de Neda (12.30) e no local social de Covas (19.00).
Tamén se suman novos artistas e obras como ‘Non toques as miñas mans’, de sombras chinesas e obxectos, que levará a arxentina Valeria Guglietti o domingo 20 aos centros cívicos de Canido (12.30) e de San Mateo (19.00).













