Natureza cunha ampla oferta: rutas sendeiristas en Ferrol, Eume e Ortegal
As tres comarcas suman máis dunha vintena de opcións para coñecer dende praias ata montes, cantís e miradoiros

Ferrolterra é coñecida polas súas vistas privilexiadas, zonas onde tanto os residentes como os turistas poden, non soamente desfrutar das praias, montes, fragas e cantís que ofrecen os seus recunchos, senón tamén percorrelos a pé.
Entre oficiais e non homologadas, son máis dunha vintena as rutas sendeiristas que ofrece a área, con diferentes destinos e dificultades. Unha das máis coñecidas atópase en Valdoviño, concretamente nas inmediacións da lagoa da Frouxeira, onde se poden camiñar case catro quilómetros entre o castro e o paseo, famoso polo seu valor ornitolóxico. Aínda que a ida e a volta supoñen unha hora de duración, o terreo convérteo nun dos itinerarios máis doados da localidade.
No mesmo municipio, xa cun nivel de esixencia medio pola súa distancia e desniveis, está a denominada Senda das Ondas, cuns 20,1 quilómetros que discorren por catro areais da costa valdoviñesa (Vilarrube, O Baleo, Pantín e a praia próxima á ruta anterior) e os miradoiros de San Xiao, Punta Oural e O Paraño. En total, son cinco as horas que supón esta proposta.

Por outra banda, As Neves (A Capela), Fene e a Aldea Camiño da Fervenza (Neda) conéctanse nun traxecto complicado, mais tamén atractivo para os amantes da natureza: a ruta do río Belelle, cunha distancia de 15 quilómetros e medio e un tempo aproximado de seis horas e 30 minutos. Dado que se trata dun percorrido próximo a zonas fluviais, aconséllase prestar atención aos caudais e tomar precaucións para evitar esvaróns.
Máis aló destas suxerencias, non poden faltar na listaxe as Fragas do Eume, que dispón de varios itinerarios, aínda que o máis famoso é o dos Encomendeiros, co centro de interpretación eumés como punto de partida, os camiñantes poderanse adentrar no parque natural e contemplar a súa beleza –debida ao río e á flora que conforman este bosque atlántico de ribeira– para logo rematar no mosteiro de San Xoán de Caaveiro, ubicado na Capela e construído no século XII. Dende el ofrécense unhas vistas panorámicas das fragas e o desfiladoiro do Eume, así como do seu afluente, o Sesín. No referente á duración e á distancia, trátase dunha ruta de dificultade media, posto que ronda as tres horas e os nove quilómetros.
Outros camiños contemplados para esta área son os que ofrece o termo municipal monferés, como son, por exemplo, o da Ventureira –7 km dende a ponte de Santa Cristina–, o dos Cumios de Sanguiñedo –6,5 km– ou o dos Cerqueiros, neste caso cun quilómetro máis de distancia que o anterior.

En cambio, o concello de Pontedeume conta cunha alternativa medieval: a subida ao castelo de Andrade, que parte da propia vila para percorrer, en arredor de dúas horas, 4,75 km. Neste caso, trátase dunha boa opción para quen prefiren visitar a fortaleza do século XIII, situada a 309 metros sobre o nivel do mar.
Ferrol e Narón
Na cidade naval destaca un desafío que premia os aventureiros cunha gran variedade de paisaxes: a ruta Costa Ártabra. Con 48 km e un tempo de 13 horas, o itinerario comeza e remata na zona da Malata e discorre por lugares como o monte de Chá, o cabo Prioriño, a praia e a lagoa de Doniños e os areais de San Xurxo e Santa Comba, entre outros puntos.
Pola súa parte, a localidade naronesa ten entre as súas ofertas sendeiristas o Camiño dos Muíños, superior aos 14 quilómetros. A través del, os sendeiristas teñen a oportunidade de descubrir, nunhas tres horas e media, os enxeños hidráulicos do Couto, Xuvia e Pedroso.
Outras opcións
Aparte destas propostas, Cariño posúe un dos itinerarios máis espectaculares. Trátase daquel que parte da vila rumbo ao segundo faro máis setentrional de España. Cunha traxectoria circular e 14,5 km de distancia, o percorrido pasa xunto a ermida de San Xiao –erguida sobre restos arqueolóxicos romanos e altomedievais– e o alto do Fumadeiro, onde é posible contemplar a costa ata Estaca de Bares e a ría de Ortigueira.

Respecto a Cedeira, son numerosas as alternativas coas que conta o municipio, aínda que o destino favorito se atopa en Santo André de Teixido, no corazón da serra da Capelada. En concreto, a ruta con máis renome é a dos Peiraos, que sae do castelo da Concepción e pasa por sitios como Sonreiras, San Antón de Corveiro, o monte e a garita de Eixil ou Tarroiba, rematando na capela despois dunhas cinco horas e 15 quilómetros. A pesar dos desniveis presentes durante o traxecto, a recompensa son unhas vistas privilexiadas aos cantís dende unha altura aproximada de 140 metros.
Debido a isto, ao Camiño Inglés e a outros sendeiros non homologados, Ferrolterra dispón dunha ampla variedade de alternativas para quen adoran desprazarse por espazos naturais. Para máis información, poden consultarse a web de Wikiloc e as oficiais dos Concellos.













