Un aniversario redondo: espectáculo astronómico con música en directo do Jazz de Ría
Os astros aliñáronse nesta edición, a máis internacional, xusto para celebrar 10 anos do singular festival gratuíto

Xustamente nunha semana comezará a soar o Jazz de Ría no seu décimo aniversario, unha edición marcada por coincidencias marabillosas como as que posibilitarán escoitar unha “lista de desexos que tiñamos de antes”, músicos internacionais que normalmente non se deixan ver por estas terras como Manu Sija ou Yosvany Terry, sen esquecer por esta oportunidade a aposta que realiza o festival polo xénero galego. A pesar do “pánico” que asoballou á organización cando reparou noutra casualidade, o encontro do próximo mércores 12 en San Antón de Corveiro “quedou súper bonito e é unha sorte que a xornada inaugural sexa coa eclipse total”.
Deste xeito celebrou a boa nova a directora do Jazz de Ría, Aitana Cuétara, unha vez superada toda a xestión que permitirá subir ao miradoiro en autobuses lanzadeira e ofrecer gafas homologadas para observar o fenómeno, ao ritmo da sesión en vivo que elaborará DjMil en exclusiva para a ocasión.
Estas citas celébranse anualmente, dende que naceu a iniciativa, arredor da fin de semana do 15 de agosto, unhas datas habituais para festas patronais e outras actividades nos territorios nos que se reparten as propostas: Narón, Neda, Cedeira e Valdoviño. Esta singularidade supón manter un “diálogo con cinco concellos” non soamente co obxectivo máis superficial senón tamén para cumprir cun dos trazos distintivos desta iniciativa que xa vai polos 10 anos de traxectoria. Contra o que ocorre noutros eventos, a intención é “que a xente que vive neses lugares a donde chegamos nós co festival o poida disfrutar, entón sempre temos moi en conta que non coincida con outras cousas, que non lles vaia interrumpir a súa vida”, destaca a directora, que por suposto considera interesante tamén atraer públicos procedentes doutros puntos.
Que a Costa Ártabra sexa o territorio de acción do Jazz de Ría tamén abre un abano de posibilidades en canto a localizacións concretas que fan do deseño do cartel algo “moito máis divertido”. En Narón contan con dous espazos fixos con numerosas facilidades, o Pazo da Cultura e o parque do río Freixeiro, “donde aproveitamos para levar as formacións máis grandes, as que precisan piano ou as que teñen unhas características así un pouco maiores”, expresa.
O resto de escenarios, como o de San Antón en Cedeira, a onde chegará por primeira vez o festival, son “moi particulares e á hora de programar temos que ter moi en conta que levamos”. Se neste miradoiro actuarán DjMil e despois Xabier Díaz en cuarteto, por exemplo, para a praia do Baleo pensouse no dúo peruano Alejandro y María Laura, porque o espazo require “unha proposta de pequeno formato, tranquila, amable co entorno e que teña sentido para todo o público tan diverso que hai”, xa que este inclúe a amantes do jazz, veciñanza e xente que vén da praia.
Por máis decenios
“O que valoro máis, botando a vista atrás nos 10 anos, é como se construíu o festival no territorio”, sinala Aitana Cuétara sobre a evolución deste evento “modesto desde moitos puntos de vista pero moi, moi querido, e a nós iso fainos moitísima ilusión, porque ademais hai xente de todas as idades”.
En relación con isto, a directora lembrouse dos participantes no obradoiro de jazz e improvisación para grandes voces pequenas que se impartiu no centro cultural Torrente Ballester de Ferrol, cando o Jazz de Ría aínda se estaba asentando e se celebrou neste concello e no de Mugardos. “Esas nenas e nenos que ao principio iban cos seus pais e nais e foron medrando, agora van cos seus colegas”, celebra, en relación cun público fiel que tamén van engrosando veciños e veciñas “que nunca escoitaran jazz antes pero lles encanta o festival”.
Todos os anos, o Jazz de Ría propón un fío temático que une todas as propostas dun “festival tan diverso, que se fai en tantos lugares tan diferentes”. Nalgunhas edicións é máis evidente, como na do pasado 2025, que se organizaron distintas actividades como un paseo sonoro por San Nicolás, en Neda, co obxectivo de recuperar a memoria das “orquestras de baile de Ferrolterra de entre os anos 50 e 70, que houbo moitísimas e de moita calidade, e sempre se tocou e se cantou moi ben nesta comarca”, apuntou a directora.
Aitana Cuétara tamén rememora con especial cariño outra temática, a do 2022, cando os únicos escenarios foron Narón, Neda e Cedeira e o relato non estaba tan presente na programación. Neste caso trátase da lenda do jazz Charlie Parker que, tal como lembrou a responsable, tiña o alcume de ‘bird’ (paxaro), e un tema titulado ‘Ornithology’ que motivou un roteiro ornitolóxico polo Belelle coa colaboración da Sociedade Galega de Historia Natural. Este tipo de propostas na natureza posiblemente volvan nun futuro, variando a tendencia dos últimos tempos de atender máis ao patrimonio, como este ano, que o programa inclúe unha visita guiada polo mosteiro do Couto.
“Xa levabamos anos con ganas de contar esta historia, a verdade, pero estabamos esperando o centenario”, advirte a directora do festival sobre o asunto elixido para esta edición: os 100 anos que se cumpren do nacemento de Miles Davis, cuxa música ten un vínculo curioso co son dun afiador ourensán, que se poderá descubrir nunha acción sonora presente en todos os escenarios, ademais de poder achegarse ao seu repertorio a través de “cinco musicazos galegos” que se uniron polo aniversario, “todos moi fans, así que vai ser un concerto moi fiel á súa esencia”.













