Educación dixitaliza o protocolo de absentismo do alumnado galego co obxectivo de "reducir a burocracia"

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP dixitaliza o protocolo de absentismo do alumnado galego co obxectivo de "reducir a burocracia". Así o asegurou este xoves o conselleiro Román Rodríguez na presentación do novo Protocolo educativo para a prevención e o control do absentismo escolar en Galicia entre o alumnado.
"Trátase dun documento que simplificamos e dixitalizamos coa participación dos equipos directivos e profesorado para reducir o traballo nos centros e na Inspección Educativa", destacou Rodríguez nunha rolda de prensa en Santiago.
Segundo debullou a Xunta nunha nota de prensa, os avances no protocolo tradúcense non só na súa tramitación por vía dixital, senón tamén na síntese do procedemento. Alén de axilizar o proceso, o obxectivo desta dixitalización é facilitar o proceso á hora de "analizar e compartir" datos entre Fiscalía de Menores, servizos sociais e demais axentes implicados.
Neste contexto, o conselleiro reivindicou un sistema "que funciona" e insistiu en que esta actualización non pretende modificar o contido esencial do protocolo, "senón perfeccionalo, facelo máis áxil, máis claro e máis útil para quen o aplica no día a día".
O titular do departamento educativo da Xunta, acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, explicou que esta actualización enmárcase no Plan para a simplificación das tarefas burocráticas, unha das principais accións do Acordo de avance do sistema educativo asinado coas organizacións sindicais CCOO, ANPE, UXT e #CSIF.
"A través deste plan estamos a revisar 50 procedementos administrativos que se realizan, con maior ou menor intensidade, na actividade habitual dos centros e que supoñen unha carga burocrática importante que queremos aliviar para os docentes", sinalou o conselleiro.
"Unha vez completemos o seu desenvolvemento, o plan supoñerá un aforro de máis de 120.000 horas de traballo administrativo por curso no conxunto do sistema e uns 600 pasos nos procedementos", incidiu, á vez que insistiu en que o absentismo en Galicia é "case residual, dado que os casos representan un 0,07% da poboación escolar".










