
Preto de 1.000 alumnos de 54 centros educativos de toda Galicia participarán este ano nos campamentos de inmersión lingüística Spring Week, unha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia para reforzar as competencias en lingua inglesa do alumnado. O programa é totalmente gratuíto para as familias e conta cun investimento próximo ao medio millón de euros.
A actividade está dirixida a estudantes de 5º de Primaria ata 2º da ESO e desenvolverase en seis quendas semanais entre o 22 de marzo e o 23 de maio. Durante ese tempo, os participantes convivirán nunha contorna de inmersión lingüística no Centro Residencial dos Peares, onde practicarán inglés en situacións reais con profesorado nativo.
Os campamentos combinan actividades académicas e lúdicas, co obxectivo de fomentar a convivencia e motivar ao alumnado a comunicarse en inglés. Ademais das clases, os estudantes participarán en obradoiros e propostas de lecer que promoven a cooperación, a interacción social e o coñecemento da cultura anglosaxoa.
De maneira transversal, o programa tamén promove valores democráticos, sustentabilidade e coñecemento da contorna, en liña cos obxectivos da Axenda 2030.
Esta iniciativa forma parte da estratexia da Xunta para reforzar o ensino de linguas estranxeiras. De feito, segundo o informe anual da organización Education First, Galicia consolidouse por segundo ano consecutivo como a comunidade autónoma con maior nivel de inglés de España, cunha puntuación de 563 puntos, moi por riba da media estatal e da media global.








