Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Ferrolterra

Queda Samaín para todos en Ferrolterra: dez citas imperdibles para este sábado e os vindeiros días

Novidades como unha Casa do Terror labiríntica ou unir textos de Castelao con festa tradicional son algúns plans

Noite de medo en Narón
Samaín en San Mateo
Emilio Cortizas
0620_wayalia_redideal_251121_carlos
0620_bonilla_redideal_251121_veronica
liceo620
MCDONALDS 620X50

As tradicións perviven en Ferrolterra estes días a través de celebracións de Samaín, cunha infinidade de formatos, como as que tiveron lugar este venres en Canido, San Mateo e Pontedeume, entre outras, e as que este sábado mesmo se desenvolven por distintas localizacións. 

Nestas destacan algunhas por varios motivos, como a singularidade da proposta da Sociedade Cultural Medulio, o “Magosto con Castelao e o seu Ollo de vidro”, ou pola súa novidade, como a Casa do Terror elaborada artesanalmente pola asociación Caramuxo, fundada no 2024, para reavivar o Samaín no concello de Mugardos.

Este venres foi unha das xornadas máis ateigadas de actividades relacionadas con estas conmemoracións historicamente ligadas aos ciclos naturais, que agora van actualizándose con determinadas influencias, mellor ou peor acollidas. 

1. Cedeira

Un dos encontros que marca límites é o que convoca, dende hai 36 anos, o Concello de Cedeira coa Asociación de Amigos do Samaín, que xa se estreou con obradoiros e teatro nas carpas do paseo da Mariña. Este espazo abrirá de novo na tarde deste sábado (ás 17.00) e pola noite (saída ás 20.30 da praza da Marieta) culminará o programa co pasarrúas de pantasmas pola zona vella. 

2. San Mateo (Narón)

O vagar das ánimas represéntase cada vez por máis puntos, como a Comitiva de Luces e Tebras que volveu centrar o cartel do Samaín Trasancos 2025, no centro cívico social de San Mateo, onde tamén se ofreceron obradoiros, música de Uxía Lambona e A Banda Molona, da Banda de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón e, por non perder o costume, caldo e liscos. 

3 . Pontedeume

En Pontedeume tamén apostan polo Samaín coa celebración dunha nova edición da Pasaxe do Medo, onte nos xardíns de Lombardero, que este sábado abre paso á xornada infantil (concentración ás 17.15 na praza Real, obradoiros ás 17.30 e festa a partir das 18.00 na alameda de Raxoi). Ademais, ás 20.00 comezará a “carallada” da Comisión das Peras en colaboración co Concello. 

Na comarca de Ferrol destacaron onte dúas convocatorias que unen as tradicións do Día de Muertos e do Samaín, por unha banda da man do Patronato Concepción Arenal, na Gándara, e por outra no centro cívico de Canido, unha iniciativa que xorde da colaboración entre múltiples entidades socioculturais. 

4 . Ferrol

Este sábado, ás 17.15 horas, con punto de encontro inicial na porta principal do Sánchez Aguilera (as persoas interesadas poden avisar antes contactando no 646 571 168 ou 609 567 105), comezará a xuntanza da Sociedade Cultural Medulio. “Magosto con Castelao e o seu Ollo de vidro” distínguese por fusionar a literatura con ingredientes típicos como as castañas, entre outras provisións, e terá lugar nun espazo privado en Covas. 

Segundo adianta Francisco Rodríguez, para esta ocasión selecciónanse dez textos escritos en “Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete” (1922), “unha obriña publicada aquí en Ferrol, pola editorial Céltiga”, lembra. Algúns recollen, por exemplo, a visión de Castelao sobre o progreso, a loita de clases ou os labregos e os obreiros. Realizarase unha lectura destes anacos, achegando despois unha perspectiva sobre a súa vixencia ou as “rectificacións e críticas que considere oportunas” o relator, para logo abrir un coloquio que dará paso ao Samaín. 

Este colectivo xa vén convocando nos últimos anos un encontro por estas datas e, aínda que no 2024 tamén focalizou neste libro, atendendo á súa parte gráfica, non podía fallar a conmemoración polos 75 anos cumpridos da morte do autor. 

5. Ares

Tamén conectada co mundo literario, a Concellaría de Cultura de Ares proporá ás nenas e nenos achegarse, con lanterna e bolsa, a “Unha biblioteca de medo”, que se desenvolverá o martes 4 (de 7 a 12 anos) e o mércores 5 (de 3 a 6 anos). As incricións para esta actividade, cun custo de 3 euros, abríronse na web municipal e, amais do photocall terrorífico e as suxerencias temáticas de préstamos, o venres 7 haberá unha sesión de contacontos de balde: “A cabaza encantada”. 

6. Fene

Continuando coas citas de este sábado, o Samaín en Fene leva á cafetaría do Círculo Mercantil. As dúas novas caras que están á fronte do establecemento dende este mesmo ano teñen preparada unha festa completa: música, maquillaxes terroríficas e queimada complétanse cun concurso de disfraces con premios para a mellor parella, grupo e o máis orixinal. 

7. Moeche

Nun escenario tan emblemático como o castelo de Moeche, na tarde deste sábado, ás 17.00 horas, comezará a festa da noite de defuntos co espectáculo teatral “Historias para escagarriñarse”, da compañía Ghazafelhos. Despois, coa colaboración da ANPA do CEIP San Ramón, proporase un misterioso obradoiro e rematarase cunha merenda para os pequenos. 

8. Mugardos

Mugardos tamén inaugurou o Samaín con artes escénicas a semana pasada, a cargo de Brais das Hortas, que presentou “Contos de defuntos (e outros asuntos)” por convite da asociación cultural Apelón Educación. Con esta entidade colaborou Caramuxo, fundada no 2024, para a celebración dos Maios, e para este festexo fanno co Concello e co Casino Mugardés, cuxas instalacións acollerán a idea novidosa, este sábado de 17.00 a 20.00. 

A asociación Caramuxo elaborou durante tres semanas unha Casa do Terror labiríntica, que contará coa participación dalgúns actores, e o visitante atoparase cunha serie de sustos ao percorrela. Esta iniciativa, dirixida especialmente a adultos e adolescentes, naceu despois do enorme éxito obtido no Entroido, cunha comparsa de máis de 120 integrantes, e da “ilusión” por vivir un Samaín no municipio, que nos últimos anos se limitaba ás celebracións nos centros educativos. 

Tal como valora a presidenta, Arancha Roca, a proposta foi recibida cos brazos abertos no Casino Mugardés, e grazas a esa disposición posibilítase este encontro, para o que unen forzas co Concello e a súa tradicional ofrenda polo Magosto, o reparto gratuíto de castañas e bolos preñados. Ademais, remarca que a celebración estará aberta a calquera persoa, con acceso libre. 

9. San Sadurniño

Por outro lado, este venres comezou o Samaín en San Sadurniño, unha das súas celebracións máis recentes que queren abordar ao xeito máis galego. A tarde na biblioteca e a noite na sala DZine foron o preludio do obradoiro “Outono Máxico”, unha actividade organizada pola ANPA do colexio, dirixida a nenas e nenos de 3 a 6 anos. 

Esta terá lugar o luns, de 16.00 a 17.00 horas no local da AVV Adiante, e as familias socias teñen hoxe o último día para apuntarse a este encontro, no que se elaborará un espantallo con elementos naturais. Así mesmo, as xuntanzas continuarán o sábado 8. En Igrexafeita, no mesmo local social, cun obradoiro de cabazas ás 19.00, o Mago Román ás 20.30 e a partir das 21.30, cea popular a base de caldo, castañas asadas, xamón escaldado e sobremesa (reservas até o mércores 5 no 696 912 975 ou 650 484 580). 

Esa mesma tarde, a asociación O Castelo de Naraío agasallará aos pequenos que vaian disfrazados ao modo galego, Brais das Hortas exporá “Contos para caghar patatillas” ás 19.30 e, arredor das 20.30, comezará a Volta das Ánimas á luz das candeas, que rematará no local social de Veiga con castañas, sopa de cabaza e papas de melón, de balde, ademais dunha foliada aberta dende as 22.30, que parará a medianoite para probar a queimada. 

10. Monfero

O sábado 8 tamén destaca, durante todo o día, o Magosto e Festival Folk no mosteiro de Monfero, con diversos grupos de dentro e fóra de Galicia, que inclúe outro xantar para o que é preciso anotarse (981 793 885) até o xoves. 

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
PRIMERA-LINEA-620
lacabaña620